O CONCELLO ENTREGARÁ EN OUTUBRO OS RÓTULOS COAS NOVAS NUMERACIÓNS DE VIVENDAS DE SAN XIAO, CASTRO, SAN MATEO E O VAL
Os edís de Estatística, Mar Gómez, e Patrimonio, José Oreona, presentaron os deseños que se entregarán á veciñanza
Narón, 30 de setembro de 2025. Os edís de Estatística, Mar Gómez, e Patrimonio, José Oreona, anunciaron que dende o Concello se entregará nas vindeiras semanas á veciñanza das parroquias de San Xiao, Castro, San Mateo e O Val a nova numeración das súas vivendas. Os rótulos, tal e como indicaron, son gratuítos, e levan o nome da rúa, o número da vivenda e un código QR que dá acceso a unha ficha con datos catastrais do inmoble.
A primeira fase da entrega destes rótulos levarase a cabo nos centros cívicos sociais da zona urbana e rural e tamén noutros edificios municipais como a Biblioteca, o Centro Municipal de Formación Irmás Froilaz, os centros comunitarios das Vivendas da Marina e Manuela Pérez Sequeiros… Posteriormente, a partir da segunda quincena de outubro, poderanse recoller no Consistorio os das vivendas particulares localizadas en San Xiao, Castro, San Mateo e O Val. Unha vez que remate esta entrega procederase a facer o propio para os inmobles de Sedes, Pedroso e Doso. En todos os casos, anunciarase previamente a convocatoria ás veciñas e veciños da zona para que se dirixan ao terceiro andar do Concello (en horario de atención ao público, de 8:30 a 13:30 horas) co fin de recollelos.
As persoas que teñan dúbidas sobre a dirección exacta asignada á súa vivenda poden consultala introducindo a referencia catastral da mesma no visor público do Concello, a través do enlace: https://tinyurl.com/mpkbnrhc.
Dende o goberno local incidiuse na importancia de dispoñer dun número visible e correcto nas vivendas, co fin de facilitar o labor dos servizos de emerxencia, no caso de que sexan precisos; mellorar a localización para a entrega de correo postal e paquetería e tamén contar na cidade cun rueiro máis ordenado.