Concello de Narón
  • Concello de Narón
  • El tiempo en Narón
  • Entrada a Naronmail
Noticias
A ALCALDESA DESTACA A CONCESIÓN DE 6,5 MILLÓNS DE FONDOS EUROPEOS PARA ACOMETER PROXECTOS DO PLAN EDIL NARÓN 2030 "NARÓN:AS PERSOAS PRIMEIRO"
A rexedora local valorou o traballo e as xestións realizadas dende o Consistorio para acadar estes fondos
Narón, 3 de outubro de 2025. A alcaldesa, Marián Ferreiro, anunciou hoxe que o Concello recibiu unha notificación da Dirección Xeral de Fondos Europeos na que se traslada a resolución provisional da convocatoria para a asignación de senda financeira FEDER 2021-2027 ao Plan EDIL Narón 2030 “Narón: As persoas primeiro”, por importe de 6.547.727 euros. A rexedora local explicou que esa contía representa o 40% dos investimento a executar dende a administración local, de preto de 11 millóns de euros, e con cargo ao que se contemplan varios proxectos. Dende o Concello solicitáronse 15 millóns de euros, co que unha vez coñecida a subvención “traballaremos en priorizar, de todos os proxectos presentados, os que se acometerán con cargo a esta subvención, en función a numerosos criterios e, sobre todo, á súa necesidade”. Ferreiro incidiu en que se trata “dunha excelente noticia para a nosa cidade en canto que nos permitirá acometer importantes actuacións que serían impensables con cargo exclusivamente ás arcas municipais”. Ferreiro asegurou que dende a administración local “continuaremos traballando para acadar novas achegas procedentes doutras administracións para seguir avanzando, construíndo cidade e, en definitiva, xestionando os fondos municipais, os europeos e calquera outros que poidamos solicitar co fin de investir no futuro da nosa cidade e, polo tanto, das nosas veciñas e veciños”. A alcaldesa recalcou que “presentamos un total de oito proxectos que agora priorizaremos de cara á súa materialización”. Sobre os mesmos, avanzou que un dos presentados é o do colector de Río do Pozo a Freixeiro, que na actualidade presenta un importante deterioro e xera problemas graves como a infiltración de auga exterior na rede de residuais ou a de pluviais na rede de fecais, fugas… A renovación da condución e outras tarefas previstas permitirían solventar esta problemática nun trazado que segue o cauce do río Freixeiro dende o polígono de Río do Pozo ata a estrada de Castela. A rehabilitación do muíño das Aceas é outra das propostas do grupo de goberno. O muíño de mareas, do século XVIII é un dos edificios máis emblemáticos da cidade e forma parte do patrimonio municipal pero está pendiente dunha rehabilitación integral. A materialización do proxecto permitiría poñer en valor esta construción, ao igual que se fixo xo muíño de Xuvia, tal e como recordou Ferreiro, que tamén se cofinanciou con cargo a fondos europeos (EDUSI) e da administración provincial, a maiores de fondos propios do Concello. Outro dos proxectos presentados é a senda da ría entre o Club de Remo e O Couto, para recuperar terreos na zona costeira, habilitar espazo peatonal, carril bici… e, en definitiva, promover un estilo de vida máis saudable e activo nun entorno de gran valor paisaxístico. Ferreiro quixo tamén destacar publicamente “o papel que xogaron todas as persoas que durante moitos meses estiveron traballando dende o Concello para que puidésemos optar a estas axudas en tempo e forma” e recalcou que a concesión das mesmas supón “unha oportunidade moi importante para esta cidade”.

<<< Outubro 2025 >>>

LMMXVSD
 
1
2
3
4
5
6
7
8
9
10
11
12
13
14
15
16
17
18
19
20
21
22
23
24
25
26
27
28
29
30
31
 
naron.gal