O CONCELLO PRESENTARÁ NO PAZO DA CULTURA A OFICINA DE TRANSFORMACIÓN COMUNITARIA OTC-NARÓN
A convocatoria terá lugar o martes 14 de outubro a partir das 20:00 horas
Narón, 10 de outubro de 2025. A alcaldesa da cidade, Marián Ferreiro, anunciou hoxe a próxima presentación pública, o vindeiro martes 14 de outubro, da Oficina de Transformación Comunitaria de Narón (OTC Narón). Unha iniciativa que ten entre os seus obxectivos sensibilizar á cidadanía sobre a transición cara a un modelo enerxético máis xusto e participativo, apoiando a creación de comunidades enerxéticas e ofrecendo información e asesoramento para fomentar a sustentabilidade. O acto, aberto á participación da cidadanía en xeral, desenvolverase ás 20:00 horas no Café Teatro do Pazo da Cultura. A iniciativa acométese a través do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, financiado pola Unión Europea-NextGeneration EU, mediante o Programa de concesión de axudas para oficinas de transformación comunitaria para a promoción de dinamización de comunidades enerxéticas (CE Oficinas) do IDAE (Instituto para a diversificación e aforro da enerxía)
Dende o Concello convidouse a integrantes da corporación local, entidades deportivas, culturais, asociacións empresariais e hostaleiras… e outros colectivos, co fin de que poidan recibir de primeira man información sobre este novo servizo que estará operativo a partir da vindeira semana na cidade. Representantes da oficina encargaranse de explicar aos asistentes os obxectivos, servizos e beneficios que ofrecerá a OTC Narón á veciñanza.
A alcaldesa da cidade, Marián Ferreiro, estará presente na convocatoria, á que tamén acudirá o director da OTC Narón, Rodrigo López. Dende o Consistorio xa se avanzou que as instalacións contarán cunha sede física no barrio da Solaina, a través do que se impulsará a participación cidadá na transición enerxética e se fomentarán modelos sostibles baseados en enerxías renovables.
Dende o Consistorio animouse ás persoas interesadas a acudir á convocatoria, co fin de recibir información de primeira man sobre a OTC-Narón e tamén de poder coñecer as liñas xerais do traballo que se desenvolverá dende a mesma a partir da vindeira semana.