Os Bombeiros de Narón recibiron esta semana unha formación sobre cisternas de GNL (gas natural licuado) e as súas propiedades, impartida por técnicos da empresa HAM, líder en servizos integrais de gas natural e con sede en Barcelona.
A esta xornada formativa foron convidados tamén integrantes de Bombeiros Ferrol e Bombeiros Navantia, que participaron activamente na sesión. Durante a xornada, os participantes tiveron a oportunidade de coñecer de primeira man os distintos elementos que compoñen unha cisterna de GNL vehículos que transitan habitualmente polas nosas estradas, xa que a empresa desprazou unha delas ata as instalacións de Narón. Ademais, os bombeiros puideron intercambiar impresións e debater cos técnicos de HAM sobre posibles situacións de emerxencia relacionadas con este tipo de mercadoría, co fin de estar preparados e traballar sempre coas máximas garantías de seguridade. Cabe destacar que as cisternas de GNL son actualmente as máis grandes dedicadas ao transporte de mercadorías perigosas (MMPP) por estrada, cunha lonxitude aproximada de 14 metros e unha capacidade de ata 22.000 kg de GNL.