O CONCELLO COMEZA O LUNS A ENTREGAR OS RÓTULOS COAS NOVAS NUMERACIÓNS DAS VIVENDAS DE CASTRO
Os edís de Estatística, Mar Gómez, e Patrimonio, José Oreona, anunciaron que dende o Concello se entregará a partir do luns, e durante as vindeiras dúas semanas á veciñanza da parroquia de Castro a nova numeración das súas vivendas.
Os rótulos, tal e como indicaron, son gratuítos, e levan o nome da rúa, o número da vivenda e un código QR que dá acceso a unha ficha con datos catastrais do inmoble. Para poder recoller a numeración correspondente deberán achegarse á terceira pranta do concello en horario de 8:30 a 13:30 horas, traendo a dirección e referencia catastral do inmoble.
En semanas sucesivas irase anunciando o período para a recollida dos rótulos correspondentes a San Mateo e O Val. As persoas que teñan dúbidas sobre a dirección exacta asignada á súa vivenda poden consultala introducindo a referencia catastral da mesma no visor público do Concello, a través do enlace: https://tinyurl.com/mpkbnrhc.
Dende o goberno local inciden na importancia de dispoñer dun número visible e correcto nas vivendas co fin de facilitar o labor dos servizos de emerxencia, no caso de que sexan precisos; mellorar a localización para a entrega de correo postal e paquetería e tamén contar na cidade cun rueiro máis ordenado.