“TI TAMÉN TES PODER": O CONCELLO DE NARÓN ACTIVA OS PUNTOS VIOLETA NOS CENTROS EDUCATIVOS POLO 25N
O Concello de Narón, a través da Concellería de Igualdade, levará aos centros educativos da cidade os Puntos Violeta, unha iniciativa que busca sensibilizar e ofrecer recursos de apoio fronte á violencia de xénero.
A concelleira responsable da área, María Lorenzo, presentou esta campaña con motivo do 25 de novembro, Día Internacional contra a Violencia de Xénero, baixo o lema “25N. Ti tamén tes poder: detecta, sinala e frea as violencias machistas”.
Esta acción, enmarcada no Pacto de Estado contra a violencia de xénero, dá continuidade ás medidas postas en marcha nos últimos anos en Narón, como a creación de Puntos Violeta en locais de ocio nocturno ou a formación impartida a hostaleiros, membros das forzas de seguridade, comisións de festas e Protección Civil. Nesta nova fase, o Concello aposta por achegar o recurso ao alumnado, co fin de previr e identificar comportamentos de control, acoso ou dominación nas relacións xuvenís.
“Queremos que a mocidade de Narón saiba recoñecer cando algo non está ben, cando un xesto ou unha mensaxe invade a súa liberdade ou a súa privacidade. A educación é o mellor antídoto contra a violencia machista”, destacou María Lorenzo durante a presentación.
A actividade desenvolverase nos centros CPR Ayala o 17 de novembro, CPR As Telleiras o día 18, CPR Jorge Juan e CPI O Feal o 24, IES Terra de Trasancos o 25 e CPR Santiago Apóstol os días 25 e 26 de novembro, coincidindo coa semana central das conmemoracións polo 25N.
Segundo o último "Estudio sobre la violencia de género entre los jóvenes en España" elaborado polo Instituto de la Juventud (Injuve), unha de cada oito mozas recoñece ter sufrido violencia de xénero nalgunha ocasión, unha cifra que supera a media da poboación adulta. O informe alerta tamén sobre o aumento das condutas de control nas redes sociais e nas relacións afectivas: o 35% dos rapaces e o 29% das rapazas consideran “normais” os celos, mentres que case o 20% das mozas cre aceptable revisar o móbil da súa parella se pensa que lle mente.
Estas formas de control, cada vez máis normalizadas entre a mocidade, reflíctense tamén na mensaxe da campaña municipal, con exemplos como “mándame a túa ubicación ou bloqueo a todos os teus amigos” ou “se me queres, tes que facer isto comigo”, expresións que o Concello de Narón quere axudar a identificar e rexeitar desde as aulas.
A concelleira de Igualdade avanzou que os Puntos Violeta nos centros educativos incluirán material informativo, obradoiros e dinámicas participativas adaptadas a cada etapa escolar, co obxectivo de fomentar o respecto, a empatía e a igualdade real entre mozos e mozas. “A violencia machista non comeza sempre co golpe, senón con pequenas actitudes de control que temos que aprender a detectar e a parar a tempo”, engadiu Lorenzo.
Con esta iniciativa, o Concello de Narón reafirma o seu compromiso cunha educación en igualdade e libre de violencias machistas, implicando á comunidade educativa na construción dun Narón máis seguro e igualitario para todas e todos.