Concello de Narón
  • Concello de Narón
  • El tiempo en Narón
  • Entrada a Naronmail
Noticias
A PISCINA DA GÁNDARA REÚNE ESTE SÁBADO NOVE CLUBS NO XXXII TROFEO CIDADE DE NARÓN
A natación galega ten este sábado 15 de novembro unha das súas grandes citas en Narón. A piscina municipal da Gándara acollerá o XXXII Trofeo Cidade de Narón, que tamén celebra a súa XXII edición como Memorial Javier Lago, reunindo a nove clubs galegos nunha xornada de alto nivel competitivo.
Organizada pola Agrupación Deportiva Náutico de Narón coa colaboración do Padroado de Deportes do Concello, trátase dunha das probas máis lonxevas e prestixiosas do calendario galego. Na presentación do evento estiveron presentes o concelleiro de Deportes, Ibán Santalla, o presidente da Agrupación Deportiva Náutico de Narón, Amando Guerrero e a adestradora Arantza Rivas. Santalla subliñou “a importancia de apoiar iniciativas como esta que combinan a promoción da actividade física co fomento dos valores deportivos e o traballo en equipo, especialmente entre a mocidade”. Desde a AD Náutico de Narón, Guerrero destacou “o labor da Agrupación na promoción do deporte base e na consolidación dunha cita que leva décadas situando a Narón como referente no ámbito autonómico” e Rivas remarcou “o compromiso dos nadadores e nadadoras locais, que cada ano demostran o seu alto nivel nunha competición xa emblemática”. O Trofeo Cidade de Narón desenvolverase en piscina de 25 metros, con cronometraxe manual, e contemplará as probas tradicionais nas modalidades de estilo libre, costas, braza, bolboreta e estilos, xunto cos relevos mixtos 4x50 libre. Nesta XXXII edición estarán presentes os clubs CN Xove, CN Arteixo, CN Coruña, CN Culleredo, CN Ferrol, Marina Ferrol, CN Cedeira, CDN Ciudad de Santiago e a AD Náutico de Narón. O club anfitrión contará desta volta con 14 representantes, situándose entre as entidades con maior presenza xunto co CN Arteixo e o CN Ferrol. En total, serán preto de 200 nadadores e nadadoras os que se lancen á piscina da Gándara. Entre os máis destacados figuran Lucía Vilarnovo (CN Ferrol), Paula Albes e Icía López (AD Náutico de Narón), o internacional Nicolás Astigarrabia (Marina Ferrol), Teo Sanesteban (Marina Ferrol), Daniel Meizoso (AD Náutico de Narón) e Óscar Etayo (CN Coruña), referentes das súas categorías e con marcas que prometen unha competición de alto nivel. O XXXII Trofeo Cidade de Narón disputarase a partir das 17 tarde e estará aberto ao público xeral. O Concello convida á cidadanía a achegarse á piscina da Gándara para apoiar os participantes e gozar dunha tarde de competición que consolida a Narón como referente da natación galega.
Descarga de archivos
Tamaño:447,32 KB

<<< Novembro 2025 >>>

LMMXVSD
 
1
2
3
4
5
6
7
8
9
10
11
12
13
14
15
16
17
18
19
20
21
22
23
24
25
26
27
28
29
30
naron.gal