O Pazo da Cultura de Narón acolle este venres a celebración da Gala do Deporte de Narón que este ano acada a súa da trixésimo sexta edición.
A alcaldesa, Marián Ferreiro, presidirá este evento, ao que asistirán representantes da corporación local, entre eles o edil de Deportes, Ibán Santalla, deportistas e outros integrantes de clubes e entidades deportivas da cidade, así como amizades e familiares das persoas nominadas aos premios. En total, preto dun millar acudirán a esta cita, que dará comezo ás 21.00 horas.
No transcurso do acto procederase a desvelar o nome da persoa elixida por un xurado especializado na área de deportes como “Mellor deportista do ano 2025”. Como é habitual nesta convocatoria, tamén se nomeará aos “Deportistas do ano” nas 35 modalidades con base en Narón: atletismo, automobilismo, automodelismo, baile deportivo e de competición, baloncesto, balonmán, carreira de montaña, ciclismo, colombofilia, danza urbana, fútbol, fútbol sala, golf, halterofilia, hockey, judo, kárate, karting, kickboxing, motociclismo, natación, natación artística, pádel, piragüismo, rallye-slot, remo, silvestrismo, tenis, tenis de mesa, tiro con arco, tiro olímpico, triatlón, voleibol, xadrez e ximnasia rítmica.
Haberá tamén mencións especiais para a “Mellor promesa”, “Mellor proxección deportiva”, “Mellor traxectoria deportiva”, polos resultados obtidos a nivel internacional, polo fomento da igualdade de xénero, pola dedicación ao deporte ao longo dos anos, pola axuda e colaboración desinteresada nos eventos deportivos do Concello, a “Mellor adestrador” e tamén ao “Mellor club”.
O evento estará amenizado pola actuación dun grupo de rapaces e rapazas de Paso a Paso, a academia de baile local que conquistou o xurado de Got Talent pola súa creatividade e nivel técnico. O acto incluirá tamén a proxección dun vídeo motivacional do coacher deportivo Pepe Demin, profesional dedicado ao adestramento mental e ao acompañamento de deportistas na xestión do rendemento, a preparación psicolóxica e a creación de hábitos de alto nivel competitivo.