BOMBEIROS DE NARÓN LANZAN O CALENARIO SOLIDARIO ‘O OCÉANO DE JULIETA' PARA APOIAR A INVESTIGACIÓN DA SÍNDROME DE RETT
A Asociación Deportiva Cultural Bombeiros Narón presentou esta mañá o calendario solidario 'O océano de Julieta 2026'. O acto contou coa presenza de Julieta, a gran protagonista do proxecto.
Tamén participaron o concelleiro de Seguridade Cidadá, José Oreona; o inspector xefe do SPEIS Narón, Adrian Fraga; o presidente da A.D.C. Bombeiros Narón, Luis García e a nai de Julieta, Lucía García. Asistiu, así mesmo, a fotógrafa Noelia Soto e o membro da asociación Carlos Doval como impulsor do proxecto.
Julieta é unha nena de 22 meses que padece síndrome de Rett, unha enfermidade neurolóxica rara que afecta principalmente a nenas e provoca a perda progresiva de habilidades como falar, camiñar ou comer de forma independente. Bombeiros de Narón lanzan este calendario solidario co obxectivo de apoiar a investigación e mellorar a calidade de vida de Julieta e doutras nenas coa mesma enfermidade.
Desde o seu inicio, o calendario solidario ten contado coa participación desinteresada de varios profesionais. Entre eles, a edición e fotografía de Noelia Soto ou a Cooperativa Gráfica Sacauntos encargada da impresión. Así mesmo, recibiu o apoio das empresas MaSSevoluo, Tyche Narón, Cooperativa O Val, Arrecendo, Vibra Açaí Club, Café Ronnie, Australian, A Roldana e Ferretería Freixeiro, que financiaron os custes de impresión do calendario, ademais doutras empresas e particulares que, de maneira anónima, tamén quixeron colaborar mediante as súas doazóns.
O calendario solidario “O océano de Julieta” ten un prezo de 10€ e todos os fondos recadados doaranse de maneira íntegra á Asociación Mi Princesa Rett, entidade que financia proxectos de investigación no hospital San Juan de deus de Barcelona, centro pioneiro en ensaios clínicos sobre a síndrome de Rett.
Os exemplares, que xa están á venda, pódense mercar no propio parque de
bombeiros e en ata 15 puntos de venda na zona de Ferrolterra, que poden consultarse nas redes de bombeiros Narón.