NARÓN ABRE O PRAZO DE INSCRICIÓN NO CAMPAMENTO DE NADAL PARA APOIAR A CONCILIACIÓN DAS FAMILIAS
O prazo de solicitudes estará aberto desde este mércores ás 8:30 horas ata o venres 5 de decembro ás 13:30 horas. Desenvolverase entre o 22 de decembro e o 7 de xaneiro na Escola de Domirón,
O Concello de Narón, a través da Concellería de Igualdade e Benestar Social, vén de poñer en marcha unha nova edición do campamento de Nadal CONCILIAESCOLA, unha proposta municipal pensada para facilitar a conciliación das familias no período vacacional –entre o 22 de decembro e o 7 de xaneiro– e ofrecer un espazo educativo, seguro e dinámico para os máis pequenos.
A concelleira de Igualdade e Benestar Social, María Lorenzo, destacou que “a conciliación non pode ser un luxo, senón un dereito real para as familias de Narón. CONCILIAESCOLA é unha ferramenta esencial para apoiar as persoas que traballan mentres os nenos e nenas están de vacacións, garantindo ademais actividades que fomentan a convivencia, a creatividade e a autonomía”.
O prazo de solicitudes estará aberto desde este mércores ás 8:30 horas ata o venres 5 de decembro ás 13:30 horas. As solicitudes poden tramitarse no Rexistro Xeral do Concello, na sede electrónica, ou por calquera dos medios establecidos na Lei de procedemento administrativo. Será necesario entregar a solicitude debidamente cuberta e asinada xunto coa documentación requirida. A presentación da inscrición implica a aceptación das normas establecidas nas bases.
O campamento ofrece 50 prazas, incluíndo as 3 reservadas a menores en situación de exclusión social ou con diversidade funcional. No caso de non seren cubertas estas prazas específicas, sumaranse ás ordinarias. Poderán participar menores con discapacidade igual ou superior ao 33%, sempre que acrediten a súa capacidade de integración nun grupo e autonomía suficiente para tomar parte nas actividades.
As actividades de CONCILIAESCOLA desenvolveranse na Escola de Domirón, en horario de 9:00 a 14:00 horas. Por motivos de conciliación, poderase solicitar ampliación horaria para acceder entre as 7:30 e as 9:00 horas e saír entre as 14:00 e as 15:30 horas.
O programa está dirixido a nenas e nenos nados entre 2013 e 2021, escolarizados no curso 2025-2026 nun centro educativo do municipio ou empadroados en Narón. O Concello verificará de oficio o requisito de empadroamento. Ademais, é necesario que pai, nai ou titores legais estean traballando no momento da solicitude.
A información completa e a documentación necesaria poden consultarse na sede electrónica do Concello de Narón ou a través do Servizo Sociocomunitario, nos teléfonos 981 337 700 (exts. 1108 e 1109).