“REGALA SORRISOS": NARÓN LANZA UNHA CAMPAÑA DE NADAL PARA A RECOLLIDA DE XOGUETES
O Centro de Recursos Solidarios (CRS) de Narón, en colaboración co Concello, presentou este martes a súa campaña de Nadal de recollida de xoguetes e doces, coa que busca garantir que todos os nenos e nenas do municipio poidan recibir un agasallo nas festas.
O acto contou coa presenza do presidente do CRS e da concelleira de Benestar Social, María Lorenzo, que destacaron a importancia desta iniciativa para apoiar as familias en situación de vulnerabilidade e fomentar valores como a solidariedade e o reciclado responsable de xoguetes.
A recollida de xoguetes usados desenvolverase entre o 1 e o 19 de decembro, con puntos habilitados nos centros de ensino de Narón, na Biblioteca do Alto, na Escola infantil municipal da Gándara, no Centro Comercial Narón e nas instalación de Navantia. Pola súa banda, os doces típicos de Nadal, como mazapáns, polvoróns ou turróns, recolleranse entre o 9 e o 22 de decembro no Centro Comunitario Manuela Pérez Sequeiros e nas Casas da Mariña.
As familias interesadas en solicitar xoguetes deberán tramitar a petición a través do Rexistro de Entrada do Concello entre o 1 e o 19 de decembro. A campaña diríxese a fogares en risco de exclusión social, empadroados no municipio e con menores de 0 a 14 anos. En función das existencias, cada neno ou nena recibirá dous xoguetes usados, un xoguete novo, un libro e un peluche. A entrega realizarase o 2 de xaneiro na nave do Centro de Recursos Solidarios.
O Concello e o CRS lembran a importancia de doar xoguetes en bo estado, completos e que cumpran coa normativa de seguridade, preferiblemente nas súas caixas orixinais e con instrucións. Recoméndase que as familias fagan a selección xunto cos seus fillos e fillas, fomentando así a idea de compartir e reciclar aquilo que xa non se utiliza. Os xoguetes rotos deben reciclarse directamente, e no caso de que leven pilas, agradécese entregalos con pilas operativas. Os peluches e bonecos con roupa deberían lavarse previamente.
A entidade anima a ciudadanía a participar nesta campaña co espírito de promover xoguetes non bélicos e non sexistas, contribuíndo á educación en valores solidarios e á igualdade. “Compartir xera conciencia e regala sorrisos”, subliñan desde o CRS, lembrando tamén que os propios nenos e nenas poden entregar os seus xoguetes nos puntos de recollida para implicarse directamente no acto de doar.
Para máis información, o Centro de Recursos Solidarios atende nos teléfonos 881 308 349 e 634 555 663, así como no correo crsnaron@gmail.com. O Servizo Sociocomunitario do Concello atende no 981 337 700, extensións 1108 e 1109.