Concello de Narón
  • Concello de Narón
  • El tiempo en Narón
  • Entrada a Naronmail
Noticias
O ALUMNADO DE NARÓN IDENTIFICA AS VIOLENCIAS MACHISTAS COTIÁS NOS PUNTOS VIOLETA
O Concello de Narón vén de pechar unha nova edición da campaña de Puntos Violeta, desta volta nos centros educativos municipais. A iniciativa, impulsada pola Concellería de Igualdade de Narón con motivo do 25N quixo espertar a mirada crítica do alumnado fronte ás violencias machistas e ofrecer recursos de apoio en caso de detección ou risco.
Baixo o lema “25N. Ti tamén tes poder: detecta, sinala e frea as violencias machistas”, a concelleira de Igualdade, María Lorenzo, destacaba o “papel esencial da educación para desmontar estereotipos e identificar como violencia aquilo que ás veces se presenta como normalidade”. A campaña percorreu durante o mes de novembro os centros CPR Ayala, CPR As Telleiras, CPR Jorge Juan, CPI O Feal, IES Terra de Trasancos e CPR Santiago Apóstol, coincidindo coa semana grande das actividades polo 25N. As accións destinadas ao alumnado estiveron orientadas a conectar co seu día a día. Entre as dinámicas máis destacadas figuran a análise de situación reais. O alumnado traballou con exemplos de control frecuente entre as parellas novas –como a esixencia de compartir a ubicación ou revisar o móbil– para aprendelos a identificar como formas de violencia. Tamén se elaborou un mapa das “frases que doen”: cada grupo realizou un mural colectivo recollendo expresións normalizadas nas relacións xuvenís que agochan presión, chantaxe emocional ou culpabilización. Desenvolvéronse, ademáis, obradoiros interactivos sobre redes sociais. Profesorado e educadoras especializadas abordaron a importancia do consentimento dixital, o impacto do ciberacoso e a xestión de límites nas relacións afectivas. En varios centros, realizáronse roteiros de sinais colocando puntos informativos elaborados polos propios estudantes, cos principais indicadores para detectar comportamentos de control ou dominación. Leváronse a cabo, así mesmo, espazos seguros de conversación, círculos de debate nos que mozas e mozos compartiron dúbidas, experiencias e as súas percepcións sobre os celos, a presión de grupo ou a exposición en redes. A campaña contou tamén con material informativo específico adaptado a cada etapa educativa, ademais do acompañamento de profesionais especializadas en igualdade. Segundo o último estudo do Instituto de la Juventud (Injuve), unha de cada oito mozas recoñece ter sufrido violencia de xénero, mentres aumentan as condutas de control: o 35% dos rapaces e o 29% das rapazas ven “normais” os celos, e case un 20% das mozas considera aceptable revisar o móbil da súa parella en caso de dúbida. Estes datos guiaron o deseño das actividades, orientadas a desmontar “normalizacións perigosas” que se repiten cada vez con máis frecuencia entre os adolescentes. “A violencia machista non comeza sempre cun golpe, senón con pequenos xestos que limitan a liberdade ou a privacidade, e iso pódese aprender a recoñecer desde moi novos”, explicou María Lorenzo, que resaltou a boa acollida da comunidade educativa e a implicación activa do alumnado nas diferentes propostas. O Concello de Narón reafirma así o seu compromiso cunha educación en igualdade, consolidando o traballo iniciado en anos anteriores con Puntos Violeta en locais de ocio, formación a hostaleiros, comisións de festas, forzas de seguridade e equipos de Protección Civil.

<<< Novembro 2025 >>>

LMMXVSD
 
1
2
3
4
5
6
7
8
9
10
11
12
13
14
15
16
17
18
19
20
21
22
23
24
25
26
27
28
29
30
Eventos do Concello
naron.gal