Concello de Narón
  • Concello de Narón
  • El tiempo en Narón
  • Entrada a Naronmail
Noticias
XUNTANZA NO CONCELLO DE NARÓN CO FORO CIDADÁN ANTE A MARCHA POLO FERROCARRIL DO DOMINGO
A alcaldesa de Narón, Marián Ferreiro, recibiu esta mañá na Casa do Concello a representantes do Foro Cidadán polo Ferrocarril, nun encontro ao que tamén asistiron o concelleiro de Facenda, Román Romero, e a concelleira de Transportes, Mar Gómez.
A xuntanza serviu para analizar o estado actual do ferrocarril na comarca e para coordinar accións conxuntas de cara á mobilización convocada para este domingo 30 de novembro ás 12.00 horas dende a estación de Ferrol baixo o lema “polo dereito ao tren”. Ferreiro trasladou o apoio do goberno local ás reivindicacións do Foro, unha plataforma integrada por diferentes axentes sociais que denuncia que as comarcas de Ferrolterra, Eume e Ortegal levan anos “á marxe da modernización ferroviaria”, o que está a afectar tanto á mobilidade diaria como ás oportunidades económicas da zona. O Foro lembra que o tren segue a ofrecer poucos servizos, frecuencias insuficientes e tempos de viaxe pouco competitivos, debido a infraestruturas obsoletas, unha situación que incrementa a dependencia do transporte por estrada e impacta negativamente no futuro demográfico e económico do territorio Durante a reunión desta mañá abordáronse tamén cuestións como a necesidade dun plan integral de mellora da liña Ferrol–A Coruña, a modernización da vía e das estación ou o reforzo das conexións intercomarcais. Segundo sinalaron desde o Foro, “o ferrocarril é unha ferramenta clave para unha mobilidade ambiental e socialmente sostible” e debe situarse como unha prioridade estratéxica para o desenvolvemento da comarca. A alcaldesa puxo en valor o labor do colectivo e destacou que “o Concello comparte a preocupación da cidadanía e entende que esta é unha demanda xusta, necesaria e totalmente fundamentada”. Ferreiro lembrou que, este mesmo xoves, o Pleno do Concello aprobou unha declaración institucional de apoio á mobilización cun chamamento expreso á veciñanza de Narón para sumarse á marcha deste domingo. Pola súa banda, os concelleiros presentes na xuntanza insistiron na importancia de manter unha postura unitaria entre institucións e sociedade civil para conseguir avances reais. “A defensa dun ferrocarril digno non é só unha reivindicación técnica, senón unha cuestión de equilibrio territorial e de igualdade de oportunidades”, subliñou Romero. O Concello de Narón reafirmou finalmente o seu compromiso de apoiar todas aquelas iniciativas que contribúan a conseguir un ferrocarril do século XXI, eficiente, accesible e acorde coas necesidades das persoas usuarias e das empresas da comarca.
Descarga de archivos
Tamaño:1,96 MB

<<< Novembro 2025 >>>

LMMXVSD
 
1
2
3
4
5
6
7
8
9
10
11
12
13
14
15
16
17
18
19
20
21
22
23
24
25
26
27
28
29
30
Eventos do Concello
naron.gal