NARÓN PRESENTA UNHA PROGRAMACIÓN DE NADAL CON MÁIS DE VINTE ACTIVIDADES CULTURAIS, DEPORTIVAS E FAMILIARES
O Concello de Narón presentou este venres a programación municipal de Nadal 2025-2026, un completo calendario de actividades culturais, deportivas e familiares que se desenvolverán ao longo de decembro e principios de xaneiro en distintos puntos do municipio.
O obxectivo é ofrecer propostas variadas para todas as idades, reforzar o ambiente festivo e dinamizar a vida social nos barrios. Durante a presentación, a concelleira de Promoción Económica, Olga Ameneiro, subliñou que “o Nadal é unha oportunidade para apoiar o comercio de proximidade e atraer actividade aos barrios, por iso deseñamos unha programación que anime a saír á rúa e a gozar de Narón”. Pola súa banda, a concelleira de Festas, Mar Gómez, destacou que “este programa combina tradición, música, cultura e participación, pensando tanto na infancia como nas familias e na mocidade, para que Narón viva un Nadal completo e para todas as persoas”.
O programa principia este venres 5 de decembro co tradicional acendido da árbore e da iluminación de Nadal, un acto que cada ano reúne a veciñanza nos Xardíns da Residencia San Xosé de Piñeiros. A partir das 19.00 horas, o público poderá gozar dunha actuación do grupo de Cantos de Taberna dos centros comunitarios e dunha degustación de chocolate con churros. Ademais, Papá Noel fará unha visita especial para atender as peticións e desexos da cativada.
O xoves 18 de decembro, o Pazo da Cultura será escenario do concerto de música góspel “Michael Jackson Happy Days”, previsto para as 20.00 horas. Trátase dun espectáculo de carácter internacional que combina harmonías propias desta tradición afroamericana con adaptacións de grandes éxitos do rei do pop. As entradas custan 14 euros para o público xeral e 9,80 euros para persoas abonadas, mocidade con carné Xove e estudantes de ata 25 anos.
A XII Xornada Moteira Solidaria, organizada polo Moto Club Fojeteiros, celebrarase o 20 de decembro na Praza da Igualdade, na Gándara. O encontro inclúe unha saída moteira ás 16.30 horas e a chegada simbólica de Papá Noel ás 17.15 horas.
Entre o 19 e o 27 de decembro, a Casa da Mocidade converterase no punto de encontro do Nadal Xove, unha programación destinada a mozos e mozas de 12 a 17 anos que inclúe obradoiros creativos, actividades lúdico-educativas e espazos de convivencia. En paralelo, o espazo acollerá o Narón LAB, un laboratorio no que, entre o 16 e o 29 de decembro, se desenvolverán actividades de robótica, programación e outras disciplinas vencelladas ao ámbito STEAM.
Tamén a finais de mes, entre o 26 e o 28 de decembro, o CIMIX ofrecerá o obradoiro familiar “Rumbo ao Oriente”, no que as persoas participantes poderán deseñar e ilustrar a súa propia carta aos Reis Magos seguindo o estilo caligráfico do século XVIII. A actividade, guiada polo especialista Juan Luís Sequeiro, desenvolverase en quendas de mañá e tarde cun prezo de 6 euros por persoa.
A programación infantil inclúe tamén o musical “OHANA: o musical orixinal de Lilo & Stitch”, que se representará o 20 de decembro ás 18.00 horas no Pazo da Cultura, con entradas de 16 euros no patio de butacas e 14 no anfiteatro. Ademais, o 22 de decembro, ás 18.30 horas, a Praza de Galicia acollerá o tradicional Concerto de Panxoliñas, coa participación das corais O Chirlateiro do Couto, Amistade do Couto e Areosa de Piñeiros.
O 27 de decembro terá lugar no Pazo da Cultura o Concerto de Fin de Ano de Sementeira, ás 19.30 horas, cun prezo de 2,50 euros. O 29 de decembro, ás 20.30 horas, o mesmo escenario acollerá o Festival Internacional de Ilusionismo, un espectáculo con artistas de varios países. As entradas anticipadas custan 22 euros no patio de butacas e 18 no anfiteatro; o día do evento, 24 e 20 euros respectivamente.
A carreira A Trinataeundoce – San Silvestre Naronesa volverá o 31 de decembro cun percorrido pola estrada de Castela, na zona de Freixeiro, con saída ás 16.30 horas e participación prevista de corredores de toda a comarca.
Xa na madrugada do 1 de xaneiro, Narón celebrará a chegada do ano novo cunha Festa de Fin de Ano na Praza de Galicia, con entrada libre desde a 1.00 horas e música da Orquestra Trébol e o Grupo Alkar, ademais dos Fogos de Aninovo ás 01.00 horas.
O 2 de xaneiro terá lugar na Gándara un Obradoiro de Cantos de Nadal dirixido a familias, con inscrición previa no correo a.pita@naron.gal e o 3 de xaneiro, no Pazo da Cultura, celebrarase o concerto tributo a Bruce Springsteen “Back to Glory Days”, coa voz de Andrés Balado e banda en directo.
Un dos grandes reclamos da programación será, un ano máis, a Cabalgata de Reis, que o 5 de xaneiro sairá ás 18.00 horas do CEIP de Xuvia. O percorrido discorrerá pola estrada de Castela ata a Praza de Galicia, onde os Reis Magos serán recibidos oficialmente pola corporación municipal e polo público infantil.
Finalmente, o Navitrén, o tren turístico municipal, funcionará os días 22, 23, 26, 27, 28, 29 e 30 de decembro e o 2, 3 e 4 de xaneiro. Polas mañás realizará un traxecto entre a Praza do Concello e Xuvia (de 12.00 a 13.00 horas), e polas tardes circulará pola zona da Gándara con cinco frecuencias: 16.00, 17.00, 18.00, 19.00 e 20.00 horas.
A información detallada da programación pode consultarse nos trípticos elaborados para a ocasión, así como na páxina web do Concello, do Padroado da Cultura e nas súas redes sociais oficiais.