NARÓN ORGANIZA TRES XORNADAS PRÁCTICAS PARA AXUDAR A VECIÑANZA A AFORRAR NA FACTURA DA LUZ
O Concello de Narón, a través da Oficina de Transformación Comunitaria (OTC), celebrará este mes tres novas sesións informativas gratuítas orientadas ao aforro enerxético nos fogares e á mellora da información da cidadanía en materia de electricidade.
A primeira terá lugar o mércores 10 de decembro ás 18:00 h no local da Agrupación Vecinal de San Mateo, cun formato próximo pensado para un grupo reducido. Nela explicarase como ler a factura paso a paso, que conceptos convén revisar e que pequenos cambios permiten reducir o custo mensual da luz.
A segunda desenvolverase o martes 16 de decembro ás 19:30 h na SCR A Pombiña, en Pedroso, e contará cun público máis variado. Abordaranse as diferenzas entre tipos de tarifas, os aspectos clave antes de cambiar de comercializadora e consellos prácticos para organizar os consumos segundo horarios e electrodomésticos, incluíndo un amplo turno de preguntas para casos reais.
Finalmente, o mércores 17 de decembro ás 20:00 h no Centro Cívico Social de San Xiao terá lugar unha charla centrada en ideas rápidas e sinxelas para aforrar sen complicacións, revisando potencia contratada, permanencias, termos da tarifa e erros habituais en contratos e facturación.
Estas tres xornadas diríxense a persoas adultas, familias e colectivo veciñal en xeral, con contidos adaptados ás realidades máis comúns en vivendas unifamiliares e comunidades de propietarios en Narón.
A OTC lembra que ofrece durante todo o ano un servizo municipal gratuíto de asesoramento en materia de enerxía: revisión de facturas, orientación na contratación, información sobre autoconsumo e axudas públicas e apoio na toma de decisións para reducir o gasto e mellorar a eficiencia das vivendas.
A Oficina de Transformación Comunitaria Centro Social A Solaina ten un horario de atención de luns a venres de 09:00 a 15:00 horas (presencial os martes e mércores). A
veciñanza interesada pode contactar no teléfono 677 73 73 21 ou no correo electrónico otc@naron.gal
As actividades da Oficina da Enerxía están cofinanciadas con fondos da Unión Europea – NextGenerationEU, dentro do Plan de Recuperación, Transformación y Resiliencia do Ministerio para la Transición Ecológica y el Reto Demográfico.20
Para máis información: 677 77 321 / otc@naron.gal