A chuvia persistente ao longo deste venres non empanou o punto de partida oficial do Nadal en Narón, que un ano máis se celebrou nos xardíns da residencia de maiores San Xosé de Piñeiros.
O Concello mantén nesta ubicación o inicio do acendido natalicio permitindo que as persoas residentes, moitas delas con mobilidade reducida, poidan participar da celebración e incorporarse así a un dos momentos simbólicos máis queridos do calendario local.
As carpas de lona instaladas no recinto fixeron posible que a cita se desenvolvese con normalidade, malia o tempo adverso. Desde as 18.30 horas foise achegando a veciñanza, familias e representantes das distintas entidades do municipio así como membros da Corporación local.
A alcaldesa de Narón, Marián Ferreiro, encargada de apretar o pulsador, agradeceu a participación de toda a veciñanza presente e a colaboración da relixiosa que dirixe o centro lembrando que o acendido pretende ser un encontro interxeracional, no que “as persoas maiores poden gozar en primeira liña dun momento que identifica o Nadal no noso concello”. Tras as súas palabras, o Grupo de Cantos de Taberna e as Cancións de Animación dos Centros Socioculturais asumiron o protagonismo. As pezas tradicionais, interpretadas a poucos metros das ventás da residencia, converteron a música nunha especie de visita colectiva aos maiores que seguían o directo desde dentro da residencia.
Pouco antes das 19.00 horas, a chegada de Papá Noel nun vehículo decorado cambiou o ambiente baixo os toldos. Os máis pequenos buscaron un oco para velo de preto. Ás sete en punto produciuse o acendido do abeto de 25 metros situado fronte á residencia. A partir dese instante activouse tamén o resto da ornamentación repartida polos barrios de Narón: arcos de luz na Solaina, Santa Icía ou a estrada de Cedeira; o paraugas luminoso da praza de A Gándara; motivos 3D en Freixeiro e Xuvia; e distintos elementos decorativos ata completar preto de 300 instalacións. O investimento, próximo aos 119.000 euros, mantén a aposta por unha iluminación ampla e repartida, que identifica o Nadal de Narón máis aló do centro urbano, distribuído por todas as parroquias.
A celebración concluíu entre conversas, fotos improvisadas e o arrecendo do chocolate quente, mentres as primeiras impresións sobre a iluminación se cruzaban baixo as carpas. Para moitas das persoas asistentes, o acendido volveu ser unha ocasión para sentirse parte da vida pública do Concello. E así, cun ambiente sereno e agradecido malia á chuvia, Narón deu oficialmente por iniciada unha nova campaña de Nadal que aspira a reforzar os vínculos entre barrios e xeracións e a facer comunidade.