NARÓN PECHA O ANO FORMATIVO CON NOVAS ACREDITACIÓNS EN ÁREAS CLAVE DA INDUSTRIA E O COMERCIO
O Concello de Narón celebrou no Centro Municipal de Formación Irmás Froilaz, na Gándara, a entrega dos diplomas correspondentes ás últimas accións formativas do Programa Municipal de Formación (PMF) 2025.
Trátase dun bloque de iniciativas integradas na denominada formación transversal, empregada maioritariamente por empresas auxiliares vinculadas ao sector industrial e naval. No acto estivo presente a concelleira de Formación, Natalia Hermida, que acompañada do director do centro de formación municipal, Ángel Álvarez Soto, recoñeceron o traballo do alumnado que completou estas accións ao longo do ano.
A entrega comezou cos diplomas da segunda edición do itinerario completo de Prevención de Riscos Laborais, un programa que finalizaron 18 persoas –15 homes e 3 mulleres, todas de Narón–. No acto outorgáronse os diplomas, incluíndo a homologación de 60 horas de PRL básico, o diploma municipal vinculado á formación específica para o sector naval e as acreditacións dos módulos de traballos en altura e espazos confinados.
Seguidamente realizouse a entrega dos diplomas das terceira e cuarta edicións da formación de operador ou operadora de carretillas e plataformas elevadoras con certificación UNE. Finalizaran este programa 18 participantes –12 homes e 6 mulleres–, incluíndo catro persoas desempregadas doutros concellos.
A continuación, concedéronse os diplomas correspondentes á segunda edición da formación de operador ou operadora de guindastres de taller, completada por nove persoas (oito homes e unha muller, todas de Narón). As persoas presentes recibiron o diploma municipal do curso completo e tamén o diploma homologado C28, de vinte horas.
A sesión pechou coa entrega dos once diplomas da segunda edición do curso de Reposición, caixa e atención en seccións de supermercados, unha das accións máis demandadas da programación municipal, finalizada por quince persoas –doce mulleres e tres homes, todas residentes no municipio–. As persoas asistentes recibiron a súa acreditación tras superar a formación teórica e as cen horas de prácticas en empresa.
Durante o acto, a edil responsable da área destacou o impacto positivo destas accións formativas na inserción laboral da veciñanza e lembrou que algunhas delas xa deron lugar a contratacións tras a súa finalización. Hermida puxo en valor a continuidade do Programa Municipal de Formación como ferramenta clave para mellorar a cualificación profesional no municipio e animou a seguir aproveitando os recursos municipais de formación e orientación laboral en próximas convocatorias actualmente en licitación.