O Concello de Narón, en colaboración coa Asociación de Veciños Santa Icía e a empresa DT Autopro, organiza unha charla informativa sobre seguridade viaria centrada no uso, función e mantemento da nova baliza V16, cuxo uso será obrigatorio a partir do 1 de xaneiro de 2026.
A xornada terá lugar este próximo venres 19 de decembro de 2025, ás 18:00 horas, no Local Social de Santa Icía (Rúa Mercedes Freire Lago). A iniciativa está dirixida especialmente a condutores de vehículos e a persoas interesadas nas disposicións legais e prácticas relacionadas coa baliza V16.
Durante a charla, os participantes poderán coñecer como verificar a homologación da baliza V16, comprobando marcas e modelos certificados. Tamén se explicarán os parámetros importantes a ter en conta para o seu correcto uso e as recomendacións de mantemento preventivo para garantir a seguridade.
Os encargados de impartir a sesión serán David Tojeiro, enxeñeiro mecánico e máster en enxeñería industrial, galardoado co premio AJE á mellor iniciativa empresarial 2024, e Andrés Tojeiro, profesor de mecatrónica industrial.
O Concello anima a todos os veciños e veciñas interesados a participar nesta xornada de formación práctica co lema: “Máis coñecemento – máis seguridade”.