Concello de Narón
  • Concello de Narón
  • El tiempo en Narón
  • Entrada a Naronmail
Noticias
NARÓN ENTREGA OS PREMIOS AOS MELLORES ESCAPARATES E AS CATRO CESTAS DA CAMPAÑA MERCA NADAL
No acto participaron a alcaldesa de Narón, Marián Ferreiro, e a concelleira de Promoción Económica, Olga Ameneiro, que resaltaron o papel esencial dos comerciantes na economía local.
O Concello de Narón celebrou esta mañá o acto de entrega dos premios aos mellores escaparates así como das catro cestas da campaña Merca Nadal, unha iniciativa municipal destinada a apoiar e dinamizar o comercio local durante estas datas. Ferreiro subliñou que “o comercio de Narón é o corazón da nosa cidade: cada compra non só apoia a economía local, senón que mantén viva a identidade e o dinamismo das nosas rúas. Campañas como Merca Nadal axudan a reforzar ese vínculo entre a veciñanza e os establecementos da cidade”. Pola súa banda, Olga Ameneiro destacou que “queremos un Nadal participativo e creativo, no que cada comercio poida amosar a súa personalidade e ao mesmo tempo ofrecer aos clientes un motivo máis para elixir Narón. Estes premios son unha forma de agradecer a implicación tanto dos negocios como da cidadanía”. No Certame de Decoración exterior, o comercio premiado con 200 euros foi a tenda de moda e complementos Niza, mentres que Confecciones Tucho recibiu o galardón de 100 euros. No sector da hostalería, o premio de 200 euros foi para o restaurante Nueva Orleáns, que destacou pola súa ornamentación exterior. En canto aos sorteos das catro cestas de Nadal, recaeron en clientes que realizaron compras en distintos establecementos locais: Pastelería Santy, Froitas Améndoa, Franja Moda e Xoguetería Din y Don. A concelleira de Promoción Económica lembrou que este luns 22 de decembro é o último día para depositar os vales nas urnas e participar no sorteo dos tres vales de compra, por valor de 1.000, 600 e 400 euros respectivamente, que terá lugar o próximo luns 29 de decembro en dependencias municipais. Con esta iniciativa, o Concello de Narón reforza o seu compromiso coa dinamización económica local, coa creatividade e coa implicación cidadá durante un dos períodos de maior actividade comercial do ano.

<<< Decembro 2025 >>>

LMMXVSD
1
2
3
4
5
6
7
8
9
10
11
12
13
14
15
16
17
18
19
20
21
22
23
24
25
26
27
28
29
30
31
 
Eventos do Concello
naron.gal