Concello de Narón
  • Concello de Narón
  • El tiempo en Narón
  • Entrada a Naronmail
Noticias
COQUE MALLA, JOSÉ SACRISTÁN, ANABEL ALONSO E O MELLOR DA CREACIÓN GALEGA, NO PAZO DA CULTURA
A alcaldesa de Narón e presidenta do Padroado da Cultura, Marián Ferreiro, presentou este luns a programación cultural do primeiro trimestre do ano no Pazo da Cultura, destacando “a diversidade, a calidade artística e o equilibrio entre grandes nomes da escena estatal e o firme apoio á creación galega”.
Ferreiro subliñou que esta nova programación “consolida o Pazo da Cultura como un espazo de referencia no norte de Galicia, cunha oferta estable e pensada para públicos moi diversos, desde o teatro contemporáneo e a danza ata os espectáculos familiares e a música en directo”. Entre os nomes propios da tempada, a rexedora destacou a presenza de José Sacristán, que participa no Festival Singular co espectáculo El hijo de la cómica, así como as funcións protagonizadas por Anabel Alonso, con La mujer rota de Simone de Beauvoir, e Coque Malla, á fronte da produción de gran formato La ópera de los tres centavos de Bertolt Brecht, con dobre función os días 27 e 28 de febreiro. “Trátase de propostas escénicas de primeiro nivel, con intérpretes recoñecidos e contidos que invitan á reflexión”, sinalou Ferreiro. A alcaldesa puxo tamén o acento na creación galega, cunha presenza destacada de compañías e artistas do país. No eido musical, sobresae o concerto de Sés, que presenta o seu novo traballo Nadando na incerteza o sábado 7 de febreiro ás 20.00 horas, cun directo que pon a palabra e a emoción no centro e reafirma a súa condición de referente da canción galega contemporánea. A programación deste primeiro trimestre do ano inclúe tamén propostas como Xisco Sinfónico, de Xisco Feijóo (sábado 21 de febreiro), unha creación que dialoga entre a música tradicional galega e o formato orquestral, e espectáculos de compañías recoñecidas como Kukai Dantza, que presenta Txalaparta o sábado 31 de xaneiro, unha peza que explora a relación entre corpo, ritmo e identidade colectiva. O teatro galego contemporáneo ocupa un lugar central, especialmente dentro do Festival Singular, con títulos como Bailar agora, de Marta Alonso Tejada (sábado 7 de marzo), Sahara, la barca del desierto, de Unahoramenos Producciones (venres 20 de marzo), ou Costa da morte. Cartografía dun naufraxio, de Mariña Lestón (sábado 28 de marzo) en coprodución co Centro Dramático Galego. A programación complétase cunha ampla oferta de espectáculos familiares e de teatro de monicreques, con compañías como Os Monicreques de Kukas, Galitoon, Nao Caracola, Alba Bermúdez ou Marta Ortiz, garantindo unha presenza continuada de propostas pensadas para a infancia e para o público interxeracional. A danza tamén ten un espazo destacado nesta programación trimestral, con tA de Escena Miriñaque ou Bailar agora de Marta Alonso Tejada, pezas que apostan polo movemento como linguaxe artística e pola innovación escénica, reforzando a diversidade de disciplinas presentes no Pazo da Cultura. Finalmente, a alcaldesa animou a cidadanía “a participar activamente da programación e a facer do Pazo da Cultura un lugar de encontro”, lembrando que o Padroado “traballa para ofrecer unha cultura accesible, continua e de calidade ao longo de todo o ano”.

<<< Xaneiro 2026 >>>

LMMXVSD
 
1
2
3
4
5
6
7
8
9
10
11
12
13
14
15
16
17
18
19
20
21
22
23
24
25
26
27
28
29
30
31
 
Eventos do Concello
naron.gal