O CONCELLO DE NARÓN ENTREGA PARAUGAS Á ASOCIACIÓN DE COMERCIANTES PARA APOIAR O COMERCIO LOCAL NAS REBAIXAS
O Concello de Narón fixo entrega dun novo material promocional destinado a apoiar o comercio local de proximidade coincidindo coa tempada de rebaixas. A concelleira de Promoción Económica, Olga Ameneiro, entregou paraugas co lema da campaña “Merca en Narón. Facemos cidade” á presidenta da Asociación de Comerciantes de Narón (ACN), Choly Díaz, e á secretaria da entidade, Laura Rodríguez.
A edil explicou que esta iniciativa busca reforzar as compras no comercio de rúa, poñendo en valor a proximidade e a atención personalizada que ofrecen os establecementos locais. “Trátase dunha acción simbólica para lembrar que o comercio local está aí todos os días, tamén cando chove, ofrecendo cercanía e atención personalizada”, sinalou Ameneiro.
Os paraugas serán distribuídos entre os establecementos asociados á ACN, que poderán entregalos á súa clientela como agasallo promocional durante as rebaixas, contribuíndo así a dinamizar as vendas e a fidelizar as persoas consumidoras.
Desde o Concello inciden en que este tipo de campañas forman parte da estratexia municipal de apoio continuado ao comercio local, un sector clave para a economía de Narón e para a vida social e urbana da cidade. A Asociación de Comerciantes valorou positivamente a iniciativa e agradeceu a colaboración do Concello no impulso de accións que favorecen a visibilidade e a competitividade do comercio de proximidade.