A Xunta de Galicia vén de notificar ao Concello de Narón a aprobación da solicitude municipal para a creación e cualificación do Centro de Interpretación dos Muíños Industriais de Xuvia, que pasa así a integrarse oficialmente no Sistema galego de Centros Museísticos. O acordo foi adoptado polo Consello da Xunta na súa reunión do pasado 29 de decembro.
Esta integración supón o recoñecemento do Muíño de Xuvia como un espazo de referencia para a difusión e posta en valor do patrimonio industrial galego, incorporándose á rede de 96 centros museísticos recoñecidos na comunidade autónoma, entre os que se inclúen museos, coleccións rexistradas e centros de interpretación do patrimonio cultural, de acordo co establecido na Lei de Museos de Galicia 7/2021.
A alcaldesa de Narón, Marián Ferreiro, destacou a relevancia deste recoñecemento para o municipio. “O Muíño de Xuvia é unha das pezas patrimoniais máis singulares de Narón e da comarca, e a súa integración na Rede Galega de Centros Museísticos supón un paso máis na estratexia municipal de protección, recuperación e difusión do noso patrimonio histórico e etnográfico”, sinalou.
Pola súa banda, a concelleira de Turismo, Natalia Hermida, explicou que “a notificación da Xunta vén avalar o proxecto impulsado polo Concello de Narón para recuperar e converter este antigo complexo fabril nun centro cultural aberto á cidadanía e aos visitantes”. Segundo indicou, a inclusión no sistema galego “permite reforzar a visibilidade do Muíño de Xuvia e facilita o acceso a convocatorias de axudas específicas para museos, ademais de garantir uns estándares de calidade nas instalacións e na programación”.
O acordo da Xunta certifica que o Centro de Interpretación dos Muíños Industriais de Xuvia cumpre cos requisitos esixidos en canto a instalacións, seguridade, horarios de apertura e plan museolóxico, o documento que define os programas organizativos, expositivos e de difusión do centro.
O equipamento permite realizar un percorrido polo contexto histórico dos muíños hidráulicos e pola súa importancia no proceso de industrialización en Galicia, especialmente desde a Ilustración, a través de maquetas, réplicas, escenografías, pantallas táctiles, textos explicativos e material gráfico. O proxecto museográfico distribúese por varios espazos do complexo, incluíndo a sala dos muíños, que conserva as estruturas industriais orixinais.
O Centro de Interpretación dos Muíños de Xuvia localízase nun antigo complexo fabril do século XVIII construído en 1775 polo empresario francés Juan Lestache sobre o río Xuvia, na aldea de San Roque, nunha contorna de gran valor paisaxístico. O conxunto foi rehabilitado polo Concello de Narón para o seu uso cultural, incorporando tamén espazos dedicados á figura do seu creador e ao papel dos empresarios franceses asentados na comarca.