A fachada da Casa da Mocidade de Narón loce desde finais de decembro cunha nova imaxe chea de cor, movemento e mensaxe. Trátase do mural colaborativo do proxecto “Narón a toda cor”, unha iniciativa impulsada polo Concello de Narón na súa aposta pola creatividade xuvenil como ferramenta de expresión e de participación.
A actividade desenvolveuse durante o Nadal, entre a mañá do 25 e a tarde do 28 de decembro, e contou coa participación duns 25 mozos e mozas, entre eles dous rapaces de entre 12 e 14 anos que tiveron unha implicación destacada no proceso creativo. Ao longo de varios días, a fachada converteuse nun espazo aberto no que a mocidade puido colaborar, propoñer ideas e deixar a súa pegada artística.
O mural propón un percorrido polas diferentes alternativas que ofrece a Casa da Mocidade á xuventude de Narón, e está artellado arredor do deporte, a saúde e o compromiso co skate, unha disciplina moi presente no municipio. A composición complétase con referencias á natureza, á música, á lectura, á diversidade cultural e sexual, así como a elementos vencellados á identidade de Narón.
Todos estes compoñentes relaciónanse entre si para crear un “ecosistema” visual dinámico e cheo de vida, que se integra na contorna urbana e transforma a fachada nun punto de referencia colorido e atractivo do barrio da Gándara. O resultado é unha intervención artística que non só embelece o espazo, senón que reforza o vínculo da Casa da Mocidade coa mocidade que a utiliza, e co conxunto da veciñanza.