O CONCELLO DE NARÓN OFERTARÁ UN CURSO PARA PREPARAR AS PROBAS DA XUNTA EN COMPETENCIAS CLAVE
O Concello de Narón, a través do Programa Municipal de Formación 2026, porá en marcha un curso preparatorio dirixido a persoas interesadas en presentarse ás probas oficiais de competencias clave convocadas pola Xunta de Galicia para o acceso aos certificados profesionais.
A acción formativa terá unha duración total de 200 horas e centrarase exclusivamente nas competencias de comunicación en lingua galega, comunicación en lingua castelá e competencia matemática de nivel 2, que son as requiridas con carácter xeral para acceder aos certificados profesionais deste nivel.
Desde o servizo municipal de formación avanzan que a previsión é iniciar o curso no mes de abril, de xeito que o alumnado poida prepararse de cara á realización das probas oficiais, cuxa celebración está prevista, segundo o calendario da Consellería de Emprego, na segunda quincena de maio. Ademais, a convocatoria autonómica contempla unha proba adicional na primeira quincena de outubro para aquelas persoas que non superen inicialmente todas as competencias.
As probas de competencias clave están dirixidas a persoas maiores de 16 anos que non conten cos requisitos académicos necesarios para acceder directamente á formación dos certificados profesionais e permiten acreditar os coñecementos básicos necesarios para cursalos con aproveitamento.
No momento de presentar a solicitude ás probas da Xunta, as persoas interesadas deberán indicar expresamente o nivel e as competencias concretas nas que desexan examinarse, que na documentación oficial figuran como comunicación en lingua galega, comunicación en lingua castelá e competencia matemática.
O prazo de inscrición nas probas oficiais será dun mes contado desde o día seguinte á publicación da convocatoria no Diario Oficial de Galicia (14 de xaneiro de 2026, DOG nº 8 de 2026), polo que se estenderá ata o 15 de febreiro. Toda a información relativa ao calendario, listaxes de persoas admitidas, períodos de alegacións e datas de exame poderá consultarse na web da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración.
Desde o Concello de Narón subliñan que este curso preparatorio pretende facilitar o acceso a persoas desempregadas á formación profesional e mellorar as súas oportunidades laborais. Unha vez aprobadas as tres materias de competencias clave poderán acceder a un certificado profesional que lles dea acceso ao emprego.