Concello de Narón
  • Concello de Narón
  • El tiempo en Narón
  • Entrada a Naronmail
Noticias
CONTOS, MÚSICA E MAXIA PARA MEDRAR EN GALEGO: AS PROPOSTAS DE APEGO EN NARÓN PARA O PRIMEIRO SEMESTRE
O Concello de Narón presentou a programación do proxecto Apego para o primeiro semestre de 2026 nun acto no que a concelleira de Política Lingüística, María Lorenzo, destacou a importancia de ofrecer ás familias recursos e actividades que favorezan a transmisión do galego desde a primeira infancia.
A iniciativa está dirixida a familias con nenas e nenos de entre 0 e 6 anos e aposta por propostas culturais de calidade como ferramenta de socialización e aprendizaxe temperá. Así, a programación abrirá o 21 de xaneiro cun Obradoiro de regueifas a cargo de Lupe Blanco, no que as familias poderán achegarse de xeito lúdico á improvisación oral e ao enfrontamento rimado, unha das expresións máis representativas da tradición oral galega, adaptada ao público infantil. O 4 de febreiro, o narrador Miguel Guido presentará “O lobo feliz”, un contacontos con música e moito humor, baseado no libro do mesmo nome e contado polo seu autor. A seguinte cita será o 18 de febreiro con “Onde nace a lingua”, unha proposta que xorde da colaboración entre a narradora oral Marta Ortiz e o filólogo Brais Gutiérrez, na que se mesturan narración oral, xogos fonéticos, cantos, trabalinguas e explicacións filolóxicas co obxectivo de dotar de recursos e ferramentas para asentar a nosa lingua nos e nas máis pequechas dunha maneira moi entretida. O 11 de marzo, o grupo Trécola ofrecerá “Contos da lúa”, un espectáculo de marionetas que fomenta, sempre dende o divertimento, valores coma a igualdade, o respecto e o apoio mutuo. O 25 de marzo, a contadora Marisa Irimia achegará “Contos miudiños”, unha proposta dirixida especialmente ás idades máis temperás, que achegará contos cheos de sorpresas, emocións e diversión para se iniciar no camiño dos relatos. A programación continuará o 8 de abril con “Hocus Pocus”, do Mago Paco, un espectáculo de maxia no que a sorpresa e o humor se combinan para crear unha experiencia participativa na que a cativada se converte tamén en protagonista. O 22 de abril, Pablo Díaz presentará “Cantacontos para bebés”, unha sesión musical pensada para as crianzas máis pequenas, na que a palabra, o canto e o xesto se mesturan para estimular os sentidos e fortalecer o vínculo coa lingua. No mes de maio, o día 6, a contacontos e escritora Soledad Felloza chegará con “Contiños e xogos de Lup”, unha proposta que mestura narración oral trabalinguas, xogos cos dedos, adiviñas e cantigas. A programación pechará o 27 de maio con “As máis molonas”, un espectáculo que recolle as cancións máis aclamadas polos nenos do rock galego, cantado e contado polo guitarrista Pakolas. Todas as actividades son de balde, pero para poder participar será necesaria inscrición previa a través do correo electrónico a.pita@naron.gal, indicando o nome da actividade, o nome e idade do neno ou nena, o nome da nai, pai ou persoa acompañante, un enderezo electrónico e un teléfono de contacto. A información completa pode consultarse na web do programa Apego (www.apego.gal) e na páxina do Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Narón (www.naronengalego.gal), no apartado de actividades.
Descarga de archivos
Tamaño:326,36 KB

<<< Xaneiro 2026 >>>

LMMXVSD
 
1
2
3
4
5
6
7
8
9
10
11
12
13
14
15
16
17
18
19
20
21
22
23
24
25
26
27
28
29
30
31
 
Eventos do Concello
naron.gal