A ASCM ENTREGA AO CONCELLO DE NARÓN GUÍAS ACCESIBLES DO CAMIÑO VELLO A SANTO ANDRÉ DE TEIXIDO
A Asociación Sociocultural ASCM, entidade de referencia no apoio ás persoas con discapacidade na comarca, fixo entrega ao Concello de Narón de varias guías accesibles do Camiño a Santo André de Teixido, adaptadas para persoas usuarias de cadeiras de rodas eléctricas.
A presidenta da entidade, Paula Gárate, e a técnica Noemí González foron as encargadas de entregar as publicacións á alcaldesa de Narón, Marián Ferreiro, e á concelleira de Turismo, Natalia Hermida. A elaboración das guías realizouse en colaboración coa Mancomunidade de Concellos da Comarca de Ferrol e a Deputación da Coruña, co obxectivo de promover un turismo máis inclusivo e accesible.
O Camiño a Santo André é unha ruta tradicional de peregrinación que conduce ao santuario de Santo André de Teixido, situado no concello de Cedeira, un dos enclaves máis emblemáticos de Galicia desde o punto de vista cultural e espiritual ao que, segundo a tradición popular, “vai de morto quen non foi de vivo”.
O percorrido que se describe na guía consta de cinco etapas e comeza compartindo ruta co Camiño de Santiago desde Ferrol. A Narón accede pola Avenida do Mar, desde onde se desenvolven os primeiros 13 quilómetros do Camiño Vello a Santo André por terras deste concello. A ese tramo hai que engadir posteriormente outros 29 quilómetros que discorren polos municipios de Valdoviño e Cedeira. No seu transcurso, o Camiño Vello atravesa espazos naturais e núcleos rurais de grande interese paisaxístico e etnográfico.
A guía de ASCM recolle contidos sobre como planificar a actividade en cadeira de rodas eléctrica incluíndo información que permite estimar o tempo de cada etapa, planificar cada xornada, definir lugares de parada e agrupamento así como a preparación persoal e de material necesarias. Tamén sinala as dificultades existentes nalgúns tramos así como recomendacións útiles tanto para persoas con mobilidade reducida como para as súas acompañantes.
A alcaldesa de Narón, Marián Ferreiro, destacou que “iniciativas como esta permiten avanzar cara a unha comarca máis inclusiva e accesible, facendo posible que rutas de gran valor cultural e turístico poidan ser aproveitadas por todas as persoas”. Ademais, puxo en valor o traballo da ASCM e a colaboración entre administracións para “situar a accesibilidade como un elemento central na promoción turística”.
Desde a ASCM subliñaron que este proxecto pretende non só facilitar o acceso ao Camiño a Santo André de Teixido, senón tamén sensibilizar sobre a necesidade de eliminar barreiras e promover contornas máis inclusivas en toda a comarca.