O CONCELLO DE NARÓN PRESENTA A MEMORIA DE ACTIVIDADE DO SPEIS CORRESPONDENTE A 2025
O concelleiro de Seguridade Cidadá, José Oreona, presentou este martes a memoria de actividade do Servizo de Prevención, Extinción de Incendios e Salvamento (SPEIS) correspondente ao ano 2025, no que se cumpriron dez anos da súa creación, nun acto no que tamén participaron representantes do corpo de Bombeiros de Narón.
Segundo se recolle no documento, ao longo do pasado ano o servizo realizou un total de 783 intervencións, unha cifra superior á rexistrada en 2024, que reflicte o volume de actuacións atendidas no municipio e na súa contorna. As asistencias técnicas volveron ser unha das tipoloxías máis frecuentes, con especial incidencia nas aperturas de vivendas por emerxencias médicas ou falta de resposta no interior dos domicilios, así como en aperturas de vehículos.
No ámbito dos incendios, rexistrouse un incremento do 8% no cómputo xeral respecto a 2024, aínda que cun descenso do 4% nos incendios en vivendas. En canto aos accidentes de tráfico, aumentaron as mobilizacións, especialmente en vías rápidas como a AG-64, AC-116, AC-112, AC-566 ou a FE-12, nas que o servizo interveu non só en tarefas de excarceración, senón tamén na sinalización, control de riscos, atención inicial a feridos e limpeza da calzada, contabilizándose no conxunto do ano unha vítima mortal.
Durante a presentación, o edil responsable de Seguridade sinalou a “importancia de contar cun servizo estruturado e dotado de medios para dar resposta ás emerxencias nun concello das dimensións e características de Narón, cunha ampla rede viaria, áreas industriais e zonas residenciais diversas”.
José Oreona subliñou tamén a importancia do traballo preventivo e da planificación operativa do SPEIS, que “moitas veces non é visible para a cidadanía, pero resulta clave para garantir intervencións máis seguras e eficaces”. Neste ámbito, en 2025 realizáronse revisións dos 214 hidrantes do municipio, elaboración de plans de intervención operativa, simulacros e visitas a instalacións de especial interese, avanzando ademais na súa xeolocalización e sinalización para mellorar os tempos de resposta.
A memoria tamén reflicte o esforzo realizado en materia de formación continua, con centos de horas de adestramento interno e externo, así como a incorporación de novos efectivos, co obxectivo de mellorar a estrutura operativa e garantir dotacións adecuadas en cada intervención. Actualmente, o servizo conta cun cadro de persoal de 28 persoas e unha frota de vehículos adaptada ás diferentes tipoloxías de emerxencia.
Outro dos aspectos destacados foi a intervención do corpo de Bombeiros de Narón fóra do municipio, prestando apoio a concellos como Ferrol, Neda, San Sadurniño ou Cedeira, así como a colaboración nos incendios forestais rexistrados na provincia de Ourense. Ademais, o servizo foi recoñecido en 2025 coa Medalla ao Mérito da Protección Civil de Galicia, na súa categoría de Prata, pola actuación desenvolvida durante a DINA de Valencia.