Concello de Narón
  • Concello de Narón
  • El tiempo en Narón
  • Entrada a Naronmail
Noticias
A ESCOLA DE BENESTAR DE NARÓN APOSTA POLA SAÚDE ACTIVA E O APOIO SOCIAL CON DOUS NOVOS PROGRAMAS
O Concello de Narón abre o prazo de inscrición en dúas novas iniciativas da Escola de Benestar: Saúde Activa e Vivir en Rede, dirixidas á mellora da saúde física, emocional e social da veciñanza. As solicitudes poden presentarse ata esgotar as prazas dispoñibles, a través da sede electrónica municipal ou nos rexistros habilitados.
Na presentación destes programas, a concelleira de Benestar Social, María Lorenzo, destacou que teñen como obxectivo “mellorar a calidade de vida das persoas a través dunha atención integral que combina saúde, acompañamento emocional e creación de rede social”. Segundo sinalou, trátase de iniciativas “gratuítas e adaptadas ás necesidades reais da cidadanía, especialmente de colectivos que precisan dun maior apoio”. Escola de Benestar: Saúde Activa A iniciativa Saúde Activa está dirixida a persoas empadroadas en Narón con enfermidades crónicas que desexen realizar exercicio físico adaptado nunha contorna segura e acompañada. O programa aposta por unha abordaxe bio-psico-social, combinando actividade física con traballo emocional e social, co obxectivo de mellorar o benestar integral das persoas participantes. Esta actividade desenvolverase de febreiro a maio de 2026, no centro cívico social Virxe do Mar, con dous grupos: un en horario de mañá (martes e venres, de 12.00 a 13.30 horas) e outro en horario de tarde (martes e venres, de 16.30 a 18.00 horas). Haberá 12 prazas por grupo, sen custo para as persoas participantes, que se cubrirán por rigorosa orde de inscrición, con preferencia para quen non participase en convocatorias anteriores similares. Escola de Benestar: Vivir en Rede Pola súa banda, o programa Escola de Benestar – Vivir en Rede está dirixido a mulleres empadroadas en Narón que se atopen en situación de soidade, con pouca rede social de apoio ou que precisen acompañamento psico-social. O obxectivo é reforzar a autoestima, fomentar a socialización e crear redes de apoio, incorporando de maneira transversal a perspectiva de xénero. As sesións terán lugar tamén entre febreiro e maio de 2026, con tres grupos e un total de 36 prazas. As actividades desenvolveranse no centro cívico social Virxe do Mar e na Casa da Mocidade, en distintos horarios de mañá e de tarde. Os contidos adaptaranse aos intereses das participantes, abordando cuestións como as habilidades sociais, a xestión emocional, a autoestima, o autocoidado e o empoderamento. Ambos programas están xestionados polo Servizo Sociocomunitario municipal e son de balde. As persoas seleccionadas serán informadas telefonicamente e deberán cumprir as normas de asistencia establecidas. Toda a información detallada, así como os formularios e a documentación necesaria para a inscrición, está dispoñible na sede electrónica do Concello de Narón.

<<< Xaneiro 2026 >>>

LMMXVSD
 
1
2
3
4
5
6
7
8
9
10
11
12
13
14
15
16
17
18
19
20
21
22
23
24
25
26
27
28
29
30
31
 
Eventos do Concello
naron.gal