OS MÉRCORES DE CINE DE NARÓN ABREN 2026 CUN CICLO DEDICADO AO CINEMA ESPAÑOL CAMIÑO DOS GOYA
O Cineclube Serie B Cidade de Narón pon en marcha o primeiro ciclo dos Mércores de Cine deste ano cunha programación dedicada ao cinema español, coincidindo coa celebración da 40ª edición dos Premios Goya, que terá lugar o próximo 28 de febreiro no Auditori Fòrum de Barcelona.
Na presentación do ciclo participaron a alcaldesa de Narón, Marián Ferreiro, e o presidente do Cineclube Serie B, Alberto Pena, que coincidiron en subliñar o valor desta proposta cultural, que ofrece ao público a posibilidade de ver de balde, antes da gala dos Goya, algúns dos filmes con máis candidaturas desta edición.
A programación inclúe catro longametraxes, dúas delas con marcado selo galego, que optan a facerse con estatuíña e que amosan a diversidade e o bo momento do cinema estatal. As proxeccións celebraranse todos os mércores de febreiro no Pazo da Cultura de Narón, con entrada gratuíta ata completar aforo.
A programación abre o próximo día 4 de febreiro con Romería, de Carla Simón, un filme rodado en Galicia no que a directora continúa a súa exploración da memoria, da identidade e dos vínculos familiares desde unha ollada íntima e persoal. A película está proposta para seis Premios Goya, incluíndo as categorías de mellor dirección e mellor guión, consolidando a Simón como unha das cineastas clave do panorama español contemporáneo.
O 11 de febreiro proxectarase Sirat, de Oliver Laxe, unha produción de marcado carácter autoral e espiritual, tamén con selo galego, que se sitúa entre as grandes favoritas da tempada. O filme opta a once premios Goya e atópase ademais na carreira internacional cara aos Óscar, ampliando a proxección internacional do cinema galego.
O 18 de febreiro será a quenda de Sorda, dirixida por Eva Libertad, unha das revelacións do ano polo seu enfoque social e humano arredor da discapacidade auditiva e das barreiras na comunicación. A película conta con sete candidaturas aos Premios Goya, que recoñecen tanto o seu valor artístico como interpretativo e entre as que se inclúe a de mellor dirección nobel.
O ciclo pecha o 25 de febreiro co documental Flores para Antonio, de Elena Molina e Isaki Lacuesta, unha emotiva aproximación á figura de Antonio Flores a través da memoria familiar, a música e o arquivo. O filme opta a dous Premios Goya, a mellor documental e mellor canción orixinal.
Con este novo ciclo, organizado en colaboración co Concello de Narón, o Padroado da Cultura, a Federación de Cineclubes de Galicia e a Xunta, os Mércores de Cine reforzan o seu compromiso coa difusión do cinema de actualidade e calidade, achegando ao público de Narón algúns dos títulos máis relevantes da tempada cinematográfica española ás portas da gran cita dos Premios Goya.