Concello de Narón
  • Concello de Narón
  • El tiempo en Narón
  • Entrada a Naronmail
Noticias
ENQUISA MUNICIPAL SOBRE IGUALDADE NO DEPORTE EN NARÓN: TRES DE CADA CATRO CLUBS VEN NECESARIA MÁIS FORMACIÓN
O Concello de Narón vén de facer públicos os resultados da enquisa sobre violencia machista no deporte incluída na campaña “Narón adestra en Igualdade” e realizada durante o mes de xaneiro de 2026 entre clubs e escolas deportivas do municipio.
O estudo enviouse a 57 entidades, das que responderon 27, o que supón unha participación do 47,4% e permite obter unha radiografía representativa da situación no deporte local. Segundo os datos recollidos, o 92,6% das entidades asegura non ter detectado comportamentos machistas, aínda que se rexistraron casos puntuais de comentarios despectivos e acoso verbal ou psicolóxico (3,7%). A enquisa revela tamén unha menor presenza feminina no deporte organizado, cun 31,8% de mulleres fronte ao 68,2% de homes, aínda que existen importantes diferenzas segundo a disciplina. Ademais, máis da metade das entidades (51,9%) recoñece non contar cun protocolo específico fronte á violencia machista, mentres que un 37% si dispón del e un 11,1% está en proceso de elaboración. No eido formativo, o 63% dos clubs e escolas nunca impartiron formación específica en igualdade, aínda que a maioría considera esta preparación moi necesaria ou bastante necesaria (76,9%). O estudo reflicte, así mesmo, unha elevada disposición das entidades deportivas para avanzar na prevención, xa que o 59,3% amósanse a favor de implantar medidas específicas e outro 33,3% faríano en función dos recursos dispoñibles. As campañas de sensibilización e a formación continua aparecen como as ferramentas máis eficaces, mentres que se sinala a normalización cultural como a principal dificultade para erradicar comportamentos machistas. A concelleira de Igualdade, María Lorenzo, valorou de xeito positivo os resultados do informe, ao tempo que incidiu na necesidade de seguir traballando nesta liña: “Os datos amosan que o deporte en Narón é, en xeral, un espazo seguro, pero non podemos baixar a garda. É fundamental seguir traballando coa base, coa formación e coa sensibilización para desterrar definitivamente calquera comportamento machista. Desde o Concello imos continuar apoiando aos clubs e escolas para que conten con ferramentas claras e recursos suficientes”. María Lorenzo subliñou tamén a importancia de actuar desde idades temperás: “A educación en igualdade e no respecto é clave. Temos que implicar a deportistas, familias, adestradores e afección para construír un deporte máis xusto, inclusivo e libre de violencias”. Con esta enquisa, previa á xornada de formación prevista para o mes de marzo, o Concello de Narón reafirma o seu compromiso de seguir impulsando accións formativas, campañas de sensibilización e apoio técnico ás entidades deportivas, co obxectivo de avanzar cara á erradicación da violencia machista no ámbito deportivo local.
Descarga de archivos
Tamaño:992,74 KB

<<< Xaneiro 2026 >>>

LMMXVSD
 
1
2
3
4
5
6
7
8
9
10
11
12
13
14
15
16
17
18
19
20
21
22
23
24
25
26
27
28
29
30
31
 
Eventos do Concello
naron.gal