A GÁNDARA CELEBRA O 21 DE FEBREIRO A SÚA XVIII FESTA DO COCIDO QUE ESTE ANO INCORPORA A I FESTA DE ENTROIDO
A concelleira de Festas de Narón, Mar Gómez, presentou este mércores xunto á Asociación de Veciños Santiago Apóstol da Gándara a XVIII edición da Festa do Cocido, que se celebra o próximo sábado 21 de febreiro no pavillón da Mocidade, nunha xornada que este ano incorpora como novidade a celebración da I Festa Entroido do Cocido da Gándara.
A xa tradicional cita gastronómica principiará ás 14:00 horas cun xantar popular a base de sopa, cocido, sobremesa, café, viño, auga e gaseosa, este ano con atención en mesa, a un prezo de 26 euros para as persoas socias, 32 euros para as non socias e menú infantil de 12 euros para menores de 12 anos. Ademais, a partir das 20:00 horas haberá racións de polbo con pan a 15 euros.
Acompañada por Javier Freire, Fernando Abad e Carlos Fornos, da AVV Santiago Apóstol da Gándara, e de Elena González, da comparsa Os Argalleiros, Mar Gómez destacou que “a Festa do Cocido da Gándara é unha das máis consolidadas do noso calendario festivo e un exemplo do compromiso do movemento veciñal coa vida social dos barrios”. Segundo indicou, “a incorporación do servizo de mesa e das actividades de Entroido suponen un paso máis para seguir mellorando a experiencia das persoas asistentes”. A edil agradeceu “o traballo constante da asociación e do voluntariado, que fan posible que esta festa siga sendo un referente en Narón”.
Como novidade, este ano celébrase tamén a I Festa Entroido do Cocido da Gándara, que organiza a comparsa Os Argalleiros xunto co Concello de Narón, e que terá lugar no mesmo recinto entre as 16:30 e as 20:00 horas. Durante toda a tarde haberá música, sorteos, concurso de disfraces, pintacaras, tatuaxes de purpurina e globoflexia, cun programa pensado especialmente para o público familiar e infantil.
A cita complétase coa actuación musical de Patri Prados durante o xantar e de Os Irmáns Ramos pola noite, reforzando o ambiente festivo e de convivencia que caracteriza esta convocatoria, que nas últimas edicións superou as 300 persoas participantes.
Os tickets poden retirarse de luns a venres, en horario de 11:00 a 12:00 e de 18:00 a 20:00 horas, no local social da Gándara, ata o día 13 de febreiro ás 20:00 horas, e recoméndase a súa adquisición anticipada ante a elevada demanda rexistrada cada ano.
Desde a organización animan á cidadanía a participar nesta nova edición e converter a xornada nunha gran festa veciñal. As persoas interesadas poden obter máis información a través das redes sociais da AVV Santiago Apóstol da Gándara ou no teléfono 603 742 624.