A XX MOSTRA DA CAMELIA VOLVE CONVERTER ODEÓN EN ESCAPARATE FLORAL OS DÍAS 14 E 15 DE FEBREIRO
O Centro Comercial Odeón acollerá os días 14 e 15 de febreiro a XX Mostra da Camelia Cidade de Narón e o XVI Concurso de Flor de Camelia, unha cita xa consolidada no calendario local, organizada polo Concello de Narón en colaboración coa Asociación Galega da Camelia.
A concelleira de Turismo, Natalia Hermida, presentou este xoves o evento xunto ao presidente da asociación, Edmundo Novoa, o vicepresidente, Eusebio López, o secretario, Manuel Pico, e outros membros da entidade, que tiveron palabras de recordo para o finado Javier Botas, compañeiro na asociación e cultivador da flor de camelia que ilustra o cartel desta edición.
Durante a presentación, Hermida destacou “a importancia desta mostra para poñer en valor un dos símbolos vexetais máis representativos de Galicia”. A edil de Turismo agradeceu “o labor que desenvolve a Asociación Galega da Camelia, que nos permite manter na cidade este evento, ao que cada ano se achegan centos de persoas afeccionadas e de cultivadores desta especie, aos que tamén quero agradecer de antemán a súa implicación no evento”.
As persoas interesadas en instalar un expositor con camelias e en participar no concurso poden formalizar a súa inscrición ata o próximo día 12 de febreiro, dirixíndose á asociación a través do teléfono 660 599 700 ou do enderezo electrónico asociaciongalegadacamelia@gmail.com.
A mostra abrirá ao público o sábado 14 de febreiro ás 17:30 horas, coincidindo co acto de entrega de premios ás mellores flores presentadas ao certame. Haberá premios á Mellor Camelia japónica, á Mellor Camelia reticulada, á Mellor especie de camelia, ao Mellor híbrido de Camelia, á Mellor flor miniatura, ao Mellor cultivador-expositor e á Mellor composición artística colectiva. A mostra poderase visitar o sábado ata as 22:00 horas.
A programación continuará o domingo 15 a partir das 10:00 horas e inclúe unha visita ao parque de Camelias de Freixeiro, onde se poderán contemplar exemplares de gran valor ornamental nas súas múltiples e coloridas variedades.
Desde o Concello e a Asociación Galega da Camelia convidan á cidadanía a achegarse a esta nova edición, que consolida a Narón como referente comarcal na promoción do patrimonio vexetal.