O Concello de Narón deu a coñecer ao persoal do centro de saúde os recursos municipais dispoñibles no ámbito sociocomunitario, cultural e deportivo, co obxectivo de facilitar a súa prescrición a quen os poida precisar.
A iniciativa materializouse nunha xuntanza na que participou a concelleira de Benestar Social, María Lorenzo, xunto a persoal técnico do Servizo Sociocomunitario e da Escola de Benestar, que explicaron as distintas ferramentas e programas cos que conta a administración local para acompañar as persoas na súa dimensión social, como complemento ao tratamento médico.
Durante o encontro, trasladouse a importancia de reforzar o benestar emocional e relacional da veciñanza a través da participación en actividades comunitarias, redes de apoio e espazos de socialización, contribuíndo así a unha atención integral centrada na persoa.
Pola parte do centro de saúde asistiron a coordinadora de Atención Primaria, Julia Leira; a traballadora social, Belén Barro; a enfermeira especialista en Enfermaría Familiar e Comunitaria, Patricia Torres; e a psicóloga, Lidia Sánchez, que puideron coñecer en profundidade os distintos recursos existentes no municipio.
Entre eles destacan os programas dirixidos a persoas maiores de 60 anos, como “Enredamos”, “Acompañándonos na soidade”, os obradoiros de memoria ou a ximnasia rehabilitadora; as iniciativas da Escola de Benestar, como “Vivir en Rede”, “Saúde Activa” e programas de empoderamento e capacitación feminina; así como a ampla oferta de actividades culturais, deportivas e formativas nos centros cívico-sociais, na Casa da Mocidade, no Pazo da Cultura ou na Biblioteca Municipal.
Tamén se abordaron as ferramentas dixitais e informativas do Concello, como a web municipal, a plataforma buscoactividade.naron.gal ou a canle de difusión “Novas Narón”, que facilitan o acceso da cidadanía ás distintas propostas.
Desde o Concello destacan que esta coordinación co ámbito sanitario permite avanzar na chamada “prescrición social e ocupacional”, facilitando que os profesionais da saúde poidan derivar as persoas usuarias cara a recursos comunitarios adaptados ás súas necesidades, como prevención e ou tratamento integral.
“Os profesionais da saúde son fundamentais á hora de detectar necesidades na veciñanza que poida estar en risco de vulnerabilidade, como é o caso da soidade non desexada”, asegura María Lorenzo. “O benestar non depende só da atención médica, senón tamén da contorna social, das relacións persoais e da participación activa na comunidade”, lembrando que o Concello seguirá reforzando este tipo de iniciativas de colaboración interinstitucional.
A reactivación da Escola de Benestar e a actualización periódica do catálogo de recursos forman parte da estratexia municipal para promover unha vida máis saudable, participativa e inclusiva en Narón.