NARÓN CELEBRA ESTE 14 DE FEBREIRO O DÍA GRANDE DO ENTROIDO CON PASARRÚAS E CONCURSO DE DISFRACES
O Concello de Narón presentou o programa do Entroido 2026, que celebra o seu día grande este próximo sábado 14 de febreiro cun amplo programa festivo que terá como eixos principais o tradicional pasarrúas de comparsas e o concurso de disfraces, dúas das citas máis multitudinarias e consolidadas do calendario lúdico local.
A alcaldesa de Narón, Marián Ferreiro, foi a encargada de dar a coñecer os detalles desta celebración, que volverá encher de cor, música e humor as rúas da cidade.
As actividades darán comezo ás 16.30 horas coa concentración de comparsas na Praza da Gándara. Media hora máis tarde, ás 17.00 horas, partirá o pasarrúas, percorrendo a rúa Pintor Soutomaior, a rúa Vilabella, a rúa Bispo Argaya, a rúa Rafael Bárez, a Estrada de Castela, a avenida de Santa Icía e a rúa da Solaina, ata rematar na pista polideportiva da Solaina, onde se desenvolverá o concurso de disfraces.
Neste certame repartiranse premios nas categorías individual, parella e grupos —de ata seis persoas— tanto na modalidade infantil como na de adultos, mantendo un dos sinais de identidade do Entroido naronés: a aposta pola participación aberta e interxeracional. A presentación e condución do concurso correrá a cargo de Teatro Ghazafelhos, compañía teatral de Narón que celebra neste 2026 o seu 20 aniversario, un feito que o Concello quixo destacar como recoñecemento ao seu papel na dinamización cultural do municipio.
Durante a presentación, a rexedora e presidenta do Padroado da Cultura subliñou a importancia desta festa para a vida social da cidade e animou a veciñanza a implicarse: “O Entroido é unha das celebracións máis queridas en Narón, un espazo de encontro no que participan colectivos, familias e comparsas de dentro e fóra do concello, e no que se pon en valor a creatividade e o traballo colectivo”. Así mesmo, destacou que “o Entroido naronés medra ano tras ano grazas á participación cidadá, converténdose nun referente na comarca”.
O Entroido de Narón conta cunha ampla traxectoria ligada ao desfile e ao concurso de comparsas, que reúnen cada edición a centos de participantes e atraen a milleiros de persoas como público. Co programa de 2026, o Concello reafirma a súa aposta por manter e reforzar unha festa que cada inverno sitúa Narón como un dos puntos destacados do Entroido na comarca.