COMEZA O XI CONCURSO DE TAPAS DE ENTROIDO DE NARÓN CON OITO PROPOSTAS CREATIVAS PARA SABOREAR O COCIDO
O Entroido tamén se come en Narón. O XI Concurso de Tapas de Entroido comeza este xoves cun total de oito establecementos participantes que reinterpretan o cocido galego en formato tapa, combinando tradición e innovación ao prezo de 3 euros. As propostas poderán degustarse ata o 22 de febreiro en horario de 12:30 a 14:30 e de 20:00 a 22:00 horas.
A clientela poderá votar pola súa proposta favorita a través da app Narón Gastronómico, onde tamén se pode consultar toda a información sobre os locais e as elaboracións. O Concello facilitou material promocional e códigos QR para axilizar o proceso de votación en cada establecemento.
Participan nesta edición Australian Cervecería, Bar Chips, O Tapeo, Ronnie, Fame Kanalla, O Encontro de Soriano, Nuevaorleáns e A Serra – Leiras Food.
Entre as propostas deste ano hai espazo para a creatividade e para as reinterpretacións do cocido galego en formatos innovadores. Australian Cervecería presenta a súa “Argallada de Entroido”, un brioche recheo de cachucha adobada con alioli de chourizo e pesto de grelo. En Bar Chips atopamos o “Buñuelo de pataca crocante con tartar de cocido galego”, unha versión contemporánea do cocido en formato gourmet. O Tapeo sorprende co “Burricidio”, un burrito á prancha recheo con ingredientes clásicos do cocido pensados para comer coa man. Ronnie aposta polo “Cocido de Entroido en tres texturas”, combinando lacón, parmentier de grelo e mermelada de chourizo. E en Fame Kanalla elaboran o “Cocidog”, unha versión desenfadada do hot dog con roupa vella, grelos e crema de garavanzos.
Xunto a estas creacións, o público poderá degustar outras propostas que van desde receitas máis fieis á tradición, como a filloa rechea de lacón con grelos, ata combinacións que xogan co contraste de texturas e presentacións actuais, demostrando o bo momento creativo da hostalería local.
O Concello anima a veciñanza e visitantes a percorrer os establecementos participantes, apoiar ao sector hostaleiro e escoller coa súa votación a mellor tapa desta undécima edición do certame gastronómico de Entroido.