Concello de Narón
  • Concello de Narón
  • El tiempo en Narón
  • Entrada a Naronmail
Noticias
NARÓN CONVÉRTESE NO CORAZÓN DO FÚTBOL BASE GALEGO O MARTES DE ENTROIDO CO CAMPIONATO DE SELECCIÓNS COMARCAIS
As instalacións municipais de Río Seco serán este martes de Entroido o punto de encontro das mellores seleccións comarcais sub-12 e sub-13 masculinas, nunha xornada que reunirá en Narón a máis de 300 promesas do fútbol galego e centos de familiares e afeccionados nas bancadas.
Martes, 12 de febreiro de 2026. O evento, que se desenvolverá en horario de 10:00 a 21:00 horas, foi presentado esta mañá no Concello de Narón coa presenza do presidente da Real Federación Galega de Fútbol, Pablo Prieto; o delegado comarcal da federación, Abraham Yáñez; a delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros; o concelleiro de Deportes de Narón, Ibán Santalla; e o presidente do club Narón O Freixo, Rafael Pazos. A xornada en Narón forma parte da denominada “gran festa do fútbol base galego”, que este ano se divide en dúas sedes: Mos acollerá o sábado 14 de febreiro as competicións femininas (sub-12 e sub-13), mentres que Narón será escenario das categorías masculinas o martes 17. En total, arredor de 600 deportistas —300 nenas en Mos e 300 nenos en Narón— participarán nesta cita deportiva. Novo formato de competición O Campionato Galego de Seleccións Comarcais estrea este ano novo formato, deseñado para reforzar tanto a excelencia deportiva como o carácter lúdico da xornada. A competición estrutúrase nunha única fase, dedicando un día completo ao fútbol feminino e outro ao masculino. En cada categoría participarán oito seleccións comarcais (A Coruña, Ferrol, Santiago, A Costa, Lugo, Ourense, Pontevedra e Vigo), divididas en dous grupos de catro equipos. Tras a disputa dunha liguiña, as primeiras clasificadas de cada grupo xogarán a gran final para proclamarse campioas galegas. O concelleiro de Deportes, Ibán Santalla, destacou que Narón “está aberto a este tipo de actividades e eventos”, subliñando a importancia de dar visibilidade ao deporte base e cualificando a xornada como “un día especial para toda a comarca e para os rapaces de Narón”. Santalla agradeceu á federación que conte co municipio para organizar citas desta relevancia e puxo en valor o traballo do club Narón O Freixo e da delegación comarcal para garantir o correcto desenvolvemento do campionato. O presidente da RFGF, Pablo Prieto, afirmou que Narón será “o epicentro do fútbol base de Galicia” durante esa xornada festiva, e salientou non só a dimensión deportiva, senón tamén o impacto que o evento terá na hostalaría e no comercio local, ao desprazárense xogadores acompañados das súas familias. Prieto agradeceu a colaboración do Concello, da Xunta e do club anfitrión, facendo fincapé na complexidade organizativa que supón coordinar a 300 deportistas e os seus acompañantes. Pola súa banda, Martina Aneiros, en representación da Xunta, incidiu no compromiso do Goberno galego co deporte base e lembrou programas como Xogade, no que —segundo indicou— participa preto do 66% do alumnado galego de entre 6 e 16 anos. A delegada territorial sinalou que campionatos como este contribúen á promoción da saúde física e mental da mocidade e desexou sorte ás seleccións que aspiren a competir a nivel estatal. Desde a organización prevese unha elevada asistencia de público ao longo de toda a xornada, con presenza de pais, nais e afeccionados que encherán as bancadas de Río Seco nun día marcado polo ambiente festivo do Entroido e polo protagonismo do fútbol base galego.
Descarga de archivos
Tamaño:249,04 KB

<<< Febreiro 2026 >>>

LMMXVSD
 
1
2
3
4
5
6
7
8
9
10
11
12
13
14
15
16
17
18
19
20
21
22
23
24
25
26
27
28
 
naron.gal