NARÓN CITA A MÁIS DE 500 REMEIROS NA ENSEADA DA GÁNDARA COA III BANDEIRA DE BATEIS
A enseada da Gándara converterase este sábado, día 14, a partir das 15:00 horas, nun dos principais escenarios do remo galego coa celebración da III Bandeira de Bateis e do XXVII Trofeo de Bateis Cidade de Narón, unha competición que reunirá na cidade a máis de medio milleiro de deportistas.
Venres, 13 de decembro de 2026. A proba está organizada polo Club de Remo Narón coa colaboración do Padroado de Deportes do Concello de Narón, a Federación Galega de Remo e a Deputación da Coruña.
O concelleiro de Deportes, Ibán Santalla, presentou o evento xunto ao presidente do Club de Remo Narón, Bruno Vidal, quen explicou que nesta edición participarán catorce clubs procedentes de diferentes concellos galegos —maioritariamente da provincia da Coruña e tamén de Lugo— e un equipo chegado desde Asturias, ampliando así o alcance da competición.
As regatas disputaranse nun percorrido de 500 metros na enseada da Gándara, con longos que variarán segundo a categoría —desde alevíns ata sénior e veteráns—, podendo acadar ata os 2.000 metros nas probas de maior distancia.
Durante a presentación, Santalla destacou a consolidación do evento no calendario deportivo local e autonómico. “Esta bandeira é xa unha cita imprescindible para o remo base e unha oportunidade para que Narón siga posicionándose como referente na organización de eventos deportivos vinculados ao mar”, sinalou. O edil agradeceu tamén o traballo do club organizador, subliñando que “o labor que realiza o Club de Remo Narón ao longo de todo o ano é fundamental para fomentar o deporte entre a mocidade e manter viva a tradición do remo na comarca”.
Así mesmo, o responsable municipal animou a veciñanza a achegarse á enseada da Gándara para seguir a competición: “Convidamos a cidadanía a gozar dunha xornada deportiva aberta ao público e a apoiar os remeiros e remeiras que competirán nunha proba de gran nivel”.