A concelleira de Igualdade de Narón, María Lorenzo, presentou hoxe unha nova edición do programa municipal Concilia Escola Semana Santa, unha iniciativa impulsada polo Concello co obxectivo de facilitar a conciliación da vida familiar e laboral durante o período non lectivo.
Xoves, 19 de febreiro de 2026. O servizo está dirixido a menores de entre 4 e 12 anos empadroados ou escolarizados en Narón e desenvolverase coincidindo coas vacacións escolares de Semana Santa, entre os días 30 e 6 de abril.
O programa, que se desenvolverá no CRA Domirón do Alto, ofrecerá atención á rapazada en horario ampliado para adaptarse ás necesidades das familias. Así, habilitarase un servizo de madrugadores entre as 7:30 e as 9:00 horas, no que se incluirá almorzo e actividades de ocio, seguido do desenvolvemento do campamento entre as 9:00 e as 14:00 horas. Posteriormente, manterase un servizo de garda e custodia ata as 15:30 horas. A programación diaria combinará actividades educativas, creativas e deportivas orientadas á promoción de hábitos saudables, o xogo cooperativo e o desenvolvemento persoal e social dos nenos e nenas participantes, incluíndo propostas ambientais, dinámicas de movemento e espazos de lecer supervisado.
Segundo explicou María Lorenzo durante a presentación, este recurso municipal enmárcase no Plan Municipal de Igualdade e constitúe un servizo público pensado para apoiar as familias nos períodos do ano nos que se incrementan as dificultades de conciliación. O programa busca, ademais, ofrecer un espazo socioeducativo seguro e de calidade no que a rapazada poida participar en actividades adaptadas á súa idade mentres os proxenitores desenvolven a súa xornada laboral.
Para participar será requisito que o menor teña entre 4 e 12 anos no momento de realización da actividade, estea empadroado ou escolarizado no municipio e que as persoas proxenitoras ou titoras legais estean traballando.
No caso de que a demanda supere o número de prazas dispoñibles, estableceranse criterios de prioridade que favorecerán, entre outros colectivos, as familias monoparentais ou monomarentais, vítimas de violencia de xénero, familias numerosas, persoas coidadoras non profesionais de persoas dependentes ou unidades familiares que soliciten praza para máis dun menor, tendo en conta tamén o nivel de ingresos.
As solicitudes deberán presentarse mediante o modelo oficial acompañado da documentación requirida a través do Rexistro Xeral do Concello, da sede electrónica municipal ou polos procedementos previstos na normativa administrativa. Unha vez rematado o prazo, publicarase a listaxe provisional de persoas admitidas e excluídas, abríndose o correspondente período de reclamacións antes da resolución definitiva das prazas.
O programa Concilia Escola constitúe un servizo municipal de apoio á conciliación familiar que se desenvolve en instalacións municipais adecuadas e en coordinación cos centros educativos e as familias, ofrecendo unha alternativa de coidado durante as vacacións escolares baseada na educación en valores, o ocio saudable e a igualdade de oportunidades.