A II RUTA CABALAR CIDADE DE NARÓN REGRESA O 28 DE MARZO CUNHA XORNADA DE LECER E CONVIVENCIA
A Asociación Cabaleiros de Narón organiza o sábado 28 de marzo a II Ruta Cabalar Cidade de Narón, unha cita dirixida ás persoas afeccionadas ao mundo ecuestre que conta coa colaboración do Concello e do Padroado de Deportes. As inscricións xa están abertas e poderán formalizarse ata o mércores 25 de marzo.
Mércores, 25 de febreiro de 2026. O evento foi presentado no Concello por integrantes da entidade organizadora, acompañados pola concelleira de Ocio e Festexos, Mar Gómez, quen puxo en valor esta iniciativa como unha proposta de lecer ao aire libre que promove a participación social e a dinamización do municipio.
O programa da xornada dará comezo ás 9:00 horas coa recepción das persoas participantes e un café de benvida no polideportivo do Castro. A saída da ruta está prevista para as 10:00 horas, cun percorrido pensado para gozar da contorna natural do municipio. A metade do traxecto realizarase unha parada para repoñer forzas cun petisco.
Ao remate da ruta, ás 14:30 horas, celebrarase un xantar popular no polideportivo do Castro. O menú incluirá bebida, callos, lacón con patacas, sobremesa, café e chopo. O prezo será de 20 euros para persoas socias, 35 euros para non socias e 15 euros para menores de 10 anos.
A programación continuará pola tarde con sorteos, xogos infantís e actividades de animación dirixidas aos máis pequenos e pequenas, co obxectivo de converter a cita nun encontro festivo aberto á participación familiar.