Concello de Narón
  • Concello de Narón
  • El tiempo en Narón
  • Entrada a Naronmail
Noticias
O PLENO DE NARÓN REFORZA O SEU COMPROMISO COA IGUALDADE E APROBA UNHA MOCIÓN FRONTE AO "REARMAMENTO DO MACHISMO"
O pleno ordinario do mes de febreiro do Concello de Narón aprobou unha moción para avanzar na igualdade real e efectiva fronte ao “rearmamento do machismo”, reforzando o compromiso institucional coa defensa dos dereitos das mulleres e a loita contra as desigualdades de xénero, coincidindo coa celebración do 8 de marzo, Día Internacional da Muller.
O acordo aposta por consolidar e impulsar políticas públicas orientadas á prevención das violencias machistas, á sensibilización social e á promoción de valores igualitarios, incidindo especialmente na importancia da educación e da concienciación como ferramentas clave para combater actitudes e discursos que cuestionan os avances acadados en materia de igualdade. A moción tamén destaca o papel das administracións locais como axentes fundamentais na promoción da igualdade de oportunidades, recollendo o compromiso municipal de continuar desenvolvendo programas e campañas de sensibilización en colaboración co tecido social e asociativo, con especial atención á mocidade e ao ámbito comunitario. Coa aprobación desta iniciativa, a corporación municipal reafirma a igualdade como un dos eixos das políticas públicas locais e reforza o traballo que o Concello desenvolve ao longo do ano para promover unha sociedade máis xusta, inclusiva e libre de discriminación. Durante a sesión plenaria tamén se avalou por unanimidade a proposta da Alcaldía de nomeamento da Muller do Ano 2026, un recoñecemento co que o Concello distingue anualmente a traxectoria persoal e profesional de mulleres que destacan pola súa contribución social, cultural, educativa ou comunitaria no municipio. Este galardón forma parte das actividades organizadas arredor da conmemoración do Día Internacional da Muller e ten como obxectivo visibilizar referentes femininos e poñer en valor o seu papel no desenvolvemento social de Narón. Outros acordos A sesión plenaria incluíu a resolución do expediente de interpretación da fórmula de revisión de prezos do contrato de recollida de lixo e limpeza viaria, adxudicado en 2021 por un período de dez anos. O pleno aprobou definitivamente a interpretación do contrato, asumindo o criterio marcado polo Consello Consultivo de Galicia e permitindo así actualizar o prezo do servizo municipal. A corporación aprobou tamén inicialmente por unanimidade a modificación das bases orzamentarias para incorporar as subvencións nominativas previstas para 2026 que non figuraban no documento prorrogado. A medida permitirá formalizar axudas directas xa dotadas economicamente e destinadas principalmente a entidades sociais, sanitarias, educativas e deportivas do municipio e da comarca. Entre elas inclúense programas de atención a persoas en risco de exclusión, colectivos con discapacidade, enfermidades neurodexenerativas ou apoio a vítimas de violencia machista, ademais de financiamento para clubs deportivos e actividades educativas. Outro dos acordos aprobados por todos os grupos políticos con representación no Concello foi o convenio de colaboración coa Xunta de Galicia para a cesión das competencias de convocatoria e selección do persoal da Policía Local. Mediante este acordo, a Administración autonómica asumirá durante catro anos a organización dos procesos selectivos das distintas categorías do corpo policial e das prazas de auxiliares, incluíndo a convocatoria e desenvolvemento das probas a través dos sistemas unificados autonómicos. O pleno convalidou, así mesmo, co voto a favor de todos os membros a proposta relativa ao contrato de explotación da cafetería-ambigú da Casa do Concello, que consiste na devolución da garantía definitiva depositada pola anterior adxudicataria tras a finalización do servizo. No pleno de febreiro deuse conta do informe de morosidade e período medio de pagamento correspondente ao cuarto trimestre de 2025, no que se recolle o estado dos pagamentos municipais a provedores e o cumprimento dos prazos establecidos pola normativa estatal. Así mesmo, o pleno comunicou o informe trimestral de intervención relativo á execución orzamentaria e ao control financeiro municipal, no que se analiza a situación das contas locais, o grao de execución dos ingresos e gastos e o cumprimento das regras fiscais vixentes. Mocións No apartado de mocións, saíron adiante dúas presentadas polo grupo municipal do PP. A primeira, instando a solicitar á Dirección xeral de Mobilidade a realización dun estudo que permita a ampliación da liña A de viaxeiros, traxecto Porto-O Puntal ao seu paso polo Concello de Narón. Tamén a que solicitaba una liña específica de subvencións destinada a clubs e entidades de baile deportivo no Concello de Narón. Aprobáronse igualmente as mocións do BNG para “instar ao Concello a que abra o proceso de subvencións nominativas 2026” e “reclamar que se garanta un financiamento xusto e un modelo público do servizo de axuda no fogar”. No caso do PSdeG, validouse a moción presentada para reclamar “un plan urxente económico para mitigar os efectos negativos da peatonalización da Rúa Reis Católicos”.

<<< Febreiro 2026 >>>

LMMXVSD
 
1
2
3
4
5
6
7
8
9
10
11
12
13
14
15
16
17
18
19
20
21
22
23
24
25
26
27
28
 
Eventos do Concello
naron.gal