NARÓN ABRE PRAZO O LUNS PARA DOUS CURSOS DO PLAN MUNICIPAL DE FORMACIÓN 2026 CON 40 PRAZAS
O Concello de Narón abre o próximo luns 23 de marzo o prazo de inscrición para os dous primeiros cursos do Plan Municipal de Formación (PMF) 2026, que se impartirán no centro municipal de formación Irmás Froilaz, na Gándara.
Mércores, 18 de marzo de 2026. As accións formativas están dirixidas a persoas maiores de 18 anos, desempregadas e empadroadas no municipio, e desenvolveranse entre os meses de abril e maio.
O prazo para presentar solicitudes permanecerá aberto ata o 27 de marzo ás 13:30 horas. As persoas interesadas poden tramitar a inscrición a través do Rexistro Xeral do Concello, da sede electrónica municipal ou polos restantes medios previstos na Lei 39/2015 do procedemento administrativo común.
Un dos cursos ofertados é un itinerario formativo en prevención de riscos laborais que suma un total de 107 horas. Inclúe a formación básica en prevención de riscos laborais (60 horas), un módulo de prevención de riscos e medio ambiente no sector naval (16 horas) e outro sobre traballos en altura e espazos confinados (16 horas). Ademais, incorpora contidos transversais de igualdade de oportunidades, emprendemento e orientación laboral, así como dúas visitas a empresas e dúas charlas formativas.
Este itinerario desenvolverase entre o 7 de abril e o 11 de maio, con horario de mañá. Desde o 7 ao 24 de abril e o 8 de maio as clases serán de 9:00 a 14:00 horas, mentres que entre o 27 de abril e o 7 de maio se impartirán de 9:00 a 13:00 horas. A última xornada adaptarase ás visitas programadas a empresas.
A segunda acción formativa é o curso de preparación de competencias clave de nivel 2, cunha duración total de 215 horas. O programa inclúe formación en competencia matemática (70 horas), comunicación en lingua castelá (65 horas) e comunicación en lingua galega (65 horas), ademais dun módulo de orientación laboral, busca de emprego e emprendemento de 15 horas e actividades complementarias como visitas e charlas.
Este curso impartirase do 7 de abril ao 29 de maio, tamén nas instalacións do centro Irmás Froilaz, en horario de 8:30 a 14:30 horas de luns a venres. Terán prioridade para acceder ás prazas as persoas inscritas nas probas de avaliación de competencias clave convocadas pola Xunta de Galicia para o acceso aos certificados de profesionalidade de nivel 2.
Ambas accións formativas ofertan 20 prazas e o Concello reserva un 20% para derivacións do Servizo Sociocomunitario. A selección do alumnado realizarase por rigorosa orde de inscrición no rexistro. No caso de non cubrirse polo menos o 60% das prazas, o Concello resérvase a posibilidade de anular a formación.
As persoas admitidas deberán acreditar antes do inicio do curso a súa condición de demandantes de emprego mediante a correspondente tarxeta actualizada.
Para máis información pódese consultar a sección de Servizos, Formación e Actividades Municipais da páxina web municipal ou contactar co Servizo Sociocomunitario no teléfono 981 33 77 00, extensións 1108 e 1109.