NARÓN RECIBE OS POLICÍAS ESTRANXEIROS DE INTERCAMBIO NO MARCO DO PROXECTO "COMISARÍAS EUROPEAS"
O Concello de Narón acolleu esta mañá a visita institucional dos dous policías estranxeiros que participan no programa de intercambio “Comisarías Europeas”, impulsado pola Policía Nacional.
Martes, 31 de marzo de 2026. Os axentes, destinados temporalmente na Comisaría de Ferrol-Narón, mantiveron unha xuntanza coa alcaldesa, Marián Ferreiro; o edil de Seguridade Cidadá, José Oreona; e o xefe da Policía Local de Narón, Eduardo Pita.
Na recepción tamén estiveron presentes a comisaria da Policía Nacional de Ferrol-Narón, Cristina Ochoa, e o inspector xefe, xefe da Brigada de Seguridade Cidadá da Comisaría de Ferrol-Narón, Mario Penas, nun encontro orientado a reforzar a coordinación institucional.
Os policías participantes neste programa son Luisa Deelmann, do corpo de Policía Estatal de Alemaña (Landespolizei), e Carlo Mincone, membro da Policía do Estado de Italia (Polizia di Stato), que permanecerán na comarca ata o próximo luns 6 de abril. Durante a súa estadía, desenvolverán tarefas de apoio á Policía Nacional, especialmente en zonas con maior presenza de visitantes coincidindo coa Semana Santa, colaborando en labores de atención á cidadanía e facilitando a comunicación con turistas dos seus países de orixe.
O proxecto “Comisarías Europeas”, en marcha desde 2008, ten como obxectivo mellorar a atención ao turista estranxeiro e fomentar a cooperación policial internacional, a través do intercambio temporal de axentes de distintos países europeos.