MÁIS DE 500 ESCOLARES DE NARÓN PARTICIPAN NUNHA NOVA CAMPAÑA DE TRAMPEO CONTRA A VESPA VELUTINA
O Concello de Narón, en colaboración coa Asociación Galega de Apicultura (AGA) Ferrolterra, inicia este martes unha nova edición da campaña “Stop Vespa Velutina” coa posta en marcha de obradoiros de trampeo primaveral de raíñas dirixidos ao alumnado dos centros educativos do municipio.
Luns, 6 de abril de 2026. A iniciativa, que se vén desenvolvendo desde hai varios anos nos colexios de Narón, busca consolidar a concienciación entre as novas xeracións e fomentar a implicación das familias na loita contra esta especie invasora, cunha forte presenza no rural.
Nesta edición, os obradoiros impartiranse en nove centros escolares ao longo de cinco xornadas, chegando a un total de 531 alumnos e alumnas de Educación Primaria. As sesións, cunha duración aproximada de 50 minutos, desenvolveranse entre o 7 e o 15 de abril nos colexios Jorge Juan, O Feal, Ayala, A Gándara, CRA Val de Narón, Virxe do Mar, A Solaina, Santiago Apóstol e Piñeiros.
A campaña principia mañá martes 7 de abril nos CEIP Jorge Juan e O Feal, con alumnado de 3º de Primaria, e continuará nos días seguintes nos restantes centros escolares do municipio, abranguendo os cursos de entre 3º e 6º de Educación Primaria, tal e como explicou o concelleiro de Medio Ambiente, Manuel Ramos, que tamén avanzou que os obradoiros serán impartidos polo técnico apícola Rafael Díaz Nieto, membro do grupo de traballo da delegación Ferrolterra de AGA, acompañado por outro monitor da entidade.
Segundo apuntan desde AGA, a vespa velutina constitúe unha ameaza tanto para o medio ambiente como para a seguridade das persoas. Trátase dunha especie sen inimigos naturais, cunha elevada capacidade de reprodución —cada niño pode xerar centenares de raíñas— e cun comportamento máis agresivo que o das especies autóctonas. Ademais, pode reaccionar violentamente ante estímulos como o ruído ou as vibracións, especialmente no caso de niños soterrados.
Desde AGA Ferrolterra insisten na importancia do trampeo nesta época do ano, xa que as raíñas comezan a saír do letargo invernal. A súa captura entre a primavera e finais de maio resulta clave para evitar a proliferación de niños. Segundo os datos do colectivo, un bo trampeo pode reducir ata nun 75% o número de niños nunha zona, e a colocación de dúas trampas nunha horta ou xardín pode previr a súa aparición nun radio de ata 150 metros.
Desde o Concello de Narón destacan a continuidade desta iniciativa como unha ferramenta eficaz de educación ambiental e prevención, que contribúe a implicar a cidadanía desde idades temperás nun problema crecente no territorio como é a propagación desta especie invasora.