O Concello informa da visita este xoves a Narón dunha unidade móbil do servizo de Centros de Información á Muller (CIMs Móbiles), un recurso da Xunta de Galicia destinado á atención e apoio ás mulleres, especialmente no eido da loita contra a violencia de xénero.
Mércores, 8 de abril de 2026. A unidade instalarase a partir das 10:00 horas nas inmediacións do centro de saúde de Narón, onde permanecerá ata as 14:00 horas para atender as persoas que desexen facer uso deste servizo de carácter gratuíto e confidencial.
Os CIMs Móbiles son un recurso itinerante que ten como obxectivo achegar información, asesoramento, orientación e acompañamento psicolóxico, social e xurídico ás mulleres. O servizo tamén está dirixido a calquera persoa interesada en cuestións relacionadas coa prevención e atención da violencia de xénero.
Entre os colectivos prioritarios aos que se dirixe esta iniciativa atópanse as mulleres vítimas de violencia de xénero, así como as súas fillas e fillos e persoas dependentes ao seu cargo, co fin de reducir o impacto desta situación. Tamén se presta especial atención a mulleres en situación de vulnerabilidade ou risco de exclusión social, así como a persoas LGTBI, ás súas familias e ao seu entorno.
A través destas unidades móbiles préstase asesoramento xurídico, atención psicolóxica e orientación social, facilitando o acceso aos recursos dispoñibles tanto a nivel local como comarcal, provincial ou autonómico. Ademais, desenvólvense accións de sensibilización e prevención da violencia de xénero, co obxectivo de contribuír á erradicación dos estereotipos e condutas que a sustentan.
Desde o Concello anímase á veciñanza a achegarse a este recurso e facer uso dun servizo que busca reforzar a rede de apoio ás mulleres e avanzar cara a unha sociedade máis igualitaria e libre de violencias machistas.