ABRE O PRAZO DE INSCRICIÓN NA CANDAINA 2026 QUE SE CELEBRARÁ O 31 DE MAIO NO PASEO DE XUVIA
O paseo marítimo de Xuvia acolle o próximo 31 de maio unha nova edición da Candaina, un evento organizado pola Asociación Cometa e o Club Deportivo 21 Leguas coa colaboración do Concello de Narón.
Luns, 20 de abril de 2026. A presentación tivo lugar esta mañá coa participación do edil de Deportes, Ibán Santalla; o presidente da Asociación Cometa, Rubén Níñez; e a tesoureira da entidade, Iria Saavedra.
As persoas interesadas en participar poden inscribirse ata o 25 de maio ás 23:59 horas a través da web www.321go.es, onde tamén se poden consultar as bases completas da convocatoria.
A organización confía en superar este ano os datos de participación da pasada edición, na que se rexistraron 450 persoas, e marca como obxectivo chegar ás 500 inscricións neste 2026.
A Candaina manterá o formato de anos anteriores, cun percorrido de 7 quilómetros que poderá realizarse correndo ou camiñando, con saída ás 10:30 horas desde o paseo marítimo de Xuvia. O prezo da inscrición é de 10 euros, cantidade que inclúe dorsal e paquete de benvida.
O evento ten carácter solidario, destinándose toda a recadación á entidade, que traballa polo coidado e protección dos animais abandonados. Dende a organización lembran a importancia de garantir o benestar dos cans participantes, que deberán ir suxeitos con correa durante todo o percorrido e, no caso de presentar problemas de comportamento, con boceira.
A programación da xornada completarase cunha sesión vermú a partir das 13:00 horas, trala finalización da Candaina, a cargo de Verso a Verso. Haberá tamén servizo de comida e bebida, inchables para os máis pequenos e varios sorteos de agasallos.
Durante a presentación, o concelleiro de Deportes, Ibán Santalla, animou á veciñanza a participar nesta cita deportiva e solidaria, destacando “o éxito das anteriores edicións e o importante labor que realiza a Asociación Cometa no ámbito do benestar animal”.
Pola súa banda, os representantes da entidade agradeceron a implicación do Concello e das persoas colaboradoras, así como a resposta da cidadanía, que cada ano permite consolidar esta iniciativa e seguir financiando actuacións como melloras nas instalacións ou tratamentos veterinarios para os animais acollidos.