Concello de Narón
  • Concello de Narón
  • El tiempo en Narón
  • Entrada a Naronmail
Noticias
A CARAVANA DE MOBILIDADE SEGURA E SOSTIBLE DE MAPFRE CHEGA A NARÓN CON ACTIVIDADES DIRIXIDAS A 650 ESCOLARES
Narón será unha das paradas da iniciativa educativa “Caravana Planeta ODS”, promovida pola Fundación Mapfre, que se instalará no municipio entre o 27 e o 30 de abril cun programa centrado na seguridade viaria, a prevención de lesións e a promoción dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS).
Mércores, 22 de abril de 2026. A actividade contará coa participación da maioría dos centros educativos do concello, cunha previsión de arredor de 650 escolares, ademais de alumnado do Centro de Educación Especial Nuestra Señora de Chamorro. Durante as mañás, a caravana estará destinada á participación organizada dos centros escolares, mentres que en horario de tarde —de 15:30 a 17:00 horas— abrirá as súas portas ao público xeral de forma gratuíta. A “Caravana Planeta ODS” estrutúrase en tres áreas principais. A primeira é un escape room educativo, situado no interior da caravana, no que o alumnado deberá resolver en grupo diferentes enigmas relacionados coa mobilidade segura, saudable e sostible, así como coa prevención de accidentes e lesións. A dinámica busca fomentar o traballo colaborativo para alcanzar unha solución final. En segundo lugar, o circuíto de mobilidade 3S (segura, sa e sostible) ofrece un espazo práctico con sinalización vertical e horizontal, zonas peonís e vías simuladas, ademais de bicicletas e patinetes. Nel, o alumnado aprenderá a desprazarse con seguridade en distintos roles (peóns ou condutores de VMP), coa dinamización de axentes de mobilidade. O terceiro espazo é o Fogar Virtual, unha contorna interactiva que recrea situacións cotiás de risco no fogar e na contorna próxima, permitindo traballar a prevención de accidentes mediante probas e actividades guiadas. A iniciativa forma parte dun programa que este ano se desenvolve en diferentes municipios de España e Portugal, en colaboración con concellos e unidades de educación viaria das policías locais. Segundo explica a organización, o proxecto está dirixido a alumnado de 4º a 6º ciclo de Educación Primaria (entre 8 e 12 anos) e conta cun equipo de cinco educadores especializados. Entre os obxectivos principais destacan a comprensión dos ODS, a adquisición de hábitos de mobilidade segura, o coñecemento da normativa básica de tráfico, a prevención de sinistros viarios e o fomento de actitudes responsables e de autoprotección. A chegada desta actividade enmárcase no traballo que se vén desenvolvendo este mes desde a área de Educación Viaria do Concello de Narón, que está a levar a cabo accións específicas dirixidas ao alumnado de Secundaria. Estas iniciativas céntranse na concienciación sobre o consumo de alcol e a seguridade no uso do vehículo, incluíndo o uso de simuladores do cinto de seguridade e lentes que reproducen os efectos da inxesta de alcol. O obxectivo é que o alumnado poida experimentar de forma práctica as consecuencias destas condutas de risco. Este traballo intensifícase coa proximidade das festas do Alto do Castiñeiro, co fin de reforzar mensaxes de prevención entre a mocidade en contextos festivos. A instalación da “Caravana Planeta ODS” ocupará un espazo de entre 800 e 1.000 metros cadrados e contará con apoio técnico, así como coa colaboración da Policía Local de Narón para a coordinación e a seguridade da actividade.

<<< Abril 2026 >>>

LMMXVSD
 
1
2
3
4
5
6
7
8
9
10
11
12
13
14
15
16
17
18
19
20
21
22
23
24
25
26
27
28
29
30
 
Eventos do Concello
naron.gal