NARÓN REACTIVA A CAMPAÑA "AMODIÑO" ÁS PORTAS DAS FESTAS DO ALTO PARA PREVIR O CONSUMO DE ALCOL EN MENORES
O Concello de Narón vén de presentar unha nova edición da campaña “Amodiño: a festa é túa, elixe como vivila”, unha iniciativa orientada a reducir os riscos asociados ao consumo de alcol entre a poboación adolescente.
Venres, 24 de abril de 2026. A iniciativa ponse en marcha en vísperas da celebración das festas do Alto, que terán lugar do 30 de abril ao 4 de maio, e que son un dos primeiros grandes eventos festivos do calendario local.
A campaña desenvólvese en colaboración con Asfedro, a Asociación Ferrolá de Drogodependencias, unha entidade de referencia na comarca no ámbito da prevención, tratamento e incorporación social de persoas con adiccións, coa que o Concello de Narón mantén un convenio de colaboración. No acto de presentación participaron a concelleira de Benestar Social, María Lorenzo, e o concelleiro de Sanidade, Manuel Ramos, xunto coa presidenta de Asfedro, Ana Mariño, e a educadora social da entidade, Rebeca Graña.
A iniciativa está dirixida ao alumnado de 3º e 4º de ESO dos centros educativos do municipio e enmárcase nun enfoque de redución de riscos, co obxectivo de promover unha conciencia crítica e fomentar prácticas máis seguras en contextos de lecer onde o alcol está presente.
Nesta edición participaron un total de 252 alumnos e alumnas dos centros CPI O Feal, IES As Telleiras, IES Terra de Trasancos, CPR Jorge Juan e CPR Ayala. O programa desenvolveuse a través de sesións interactivas nas aulas nas que o alumnado analizou diferentes situacións vinculadas ao consumo de alcol nunha noite de verbena, valorando as posibles consecuencias das súas decisións sobre a saúde, a seguridade e o benestar. Ademais, repartíronse pulseiras co lema da campaña para reforzar a mensaxe de moderación e responsabilidade, e elaborouse material gráfico e audiovisual, incluíndo unha infografía que será difundida nas redes sociais municipais.
As festas do Alto marcan tradicionalmente o inicio do calendario festivo en Narón e son tamén un dos momentos nos que moitos mozos e mozas teñen o seu primeiro contacto co alcol, polo que desde o Concello considérase prioritario reforzar a sensibilización nestas datas. O consumo precoz pode ter consecuencias importantes, tanto no desenvolvemento cerebral como no aumento do risco de accidentes e outras condutas perigosas, ademais de afectar o rendemento académico e as relacións sociais.
Desde o Concello de Narón subliñan a necesidade de implicar de maneira coordinada a mocidade, as familias e a comunidade educativa na promoción dun modelo de lecer responsable e seguro, reforzando así as accións de prevención para reducir o consumo de alcol entre menores.