O CONCELLO DE NARÓN REFORZA A INFORMACIÓN SOBRE AS FONTES PÚBLICAS CUNHA NOVA CAMPAÑA DE SINALIZACIÓN
O Concello de Narón vén de completar unha nova campaña de sinalización das fontes públicas do municipio que non contan con control sanitario e, polo tanto, non son potables. Esta actuación complétase coa posta en marcha dun visor dixital accesible que permite consultar a información detallada sobre cada unha destas instalacións.
Lunes, 27 de abril de 2026. Esa nova ferramenta en liña está dispoñible a través de códigos QR instalados nos propios carteis das fontes non potables e tamén no Xeoportal municipal. A través deste visor, a veciñanza pode acceder a datos como a localización das fontes, a súa tipoloxía —ornamental, histórica…—, a indicación de se a auga é potable ou non, imaxes actualizadas das instalacións (que se irán incorporando progresivamente) e información clara para garantir un uso seguro.
A campaña fai especial fincapé nas fontes que non están conectadas á rede municipal de abastecemento. Todas elas foron sinalizadas coa mensaxe “Auga sen control sanitario. Non potable”, co obxectivo de advertir de maneira clara á poboación.
Estas fontes adoitan proceder de mananciais naturais e non dispoñen dun control sanitario continuo nin da trazabilidade necesaria para garantir a súa potabilidade. A calidade da auga pode verse alterada por diferentes factores, como as escorrentías tras episodios de choiva, a contaminación difusa ou vertidos puntuais, o que impide asegurar de forma permanente que sexan aptas para o consumo, mesmo no caso de realizar analíticas puntuais.
Pola contra, a auga da rede municipal é a única que pode considerarse apta para o consumo con todas as garantías, ao estar sometida a un control sanitario continuo, contar con tratamentos específicos e dispor de supervisión técnica que asegura a súa trazabilidade desde a captación ata o punto de consumo.
Con esta iniciativa, o Concello de Narón facilita un acceso sinxelo, actualizado e permanente á información sobre as fontes públicas do municipio e a súa situación, reforzando así a cartelería instalada e contribuíndo a un uso responsable e seguro destes espazos.
A información completa pode consultarse no Xeoportal municipal:
https://naron.maps.arcgis.com/home/index.html