O CONCELLO DE NARÓN ABRE ESTE MÉRCORES O PRAZO DE INSCRICIÓN NUN CURSO GRATUÍTO DE ALMACÉN E LOXÍSTICA
O Concello de Narón vén de convocar un novo curso de formación ocupacional en Almacén e Loxística dirixido a persoas desempregadas empadroadas no municipio.
Martes, 05 de maio de 2026. A acción formativa, encadrada no programa municipal de formación, oferta 15 prazas gratuítas e ten como obxectivo mellorar a empregabilidade de persoas en situación de desemprego no ámbito do sector loxístico.
O curso suma 365 horas lectivas e abarca desde os fundamentos teóricos da xestión de almacéns ata a formación práctica en empresas colaboradoras. O programa inclúe módulos de tipos de almacén e organización, prevención de riscos laborais, optimización da cadea loxística, operacións de recepción e expedición, xestión de inventarios e pedidos, sistemas informáticos de xestión de almacén, e manexo de carretillas elevadoras.
Complétase con módulos transversais sobre o software Factusol, identidade dixital e xestión medioambiental no sector, ademais de dúas charlas e dúas visitas a empresas do sector. O programa culmina con 100 horas de prácticas profesionais non laborais en empresas colaboradoras.
A formación teórica impartirase no Centro Municipal de Formación Irmás Froilaz, na Gándara, de luns a venres en horario de 8:30 a 14:30 horas, entre o 18 de maio e o 17 de xullo. As prácticas en empresa desenvolveranse do 22 de xullo ao 13 de agosto, en horario de seis horas diarias segundo a dispoñibilidade das empresas de acollida.
Poden inscribirse as persoas maiores de 18 anos, en situación de desemprego e empadroadas no Concello de Narón. Tamén poderán acceder persoas empadroadas noutros concellos se quedan prazas vacantes tras o prazo de inscrición. O concello reserva o 20% das prazas para derivación do Servizo Sociocomunitario.
As solicitudes poden presentarse desde este mércores 6 de maio ás 8:30 horas ata o martes 12 de maio ás 13:30 horas, no Rexistro Xeral do Concello de Narón ou a través da Sede Electrónica municipal. A selección realizarase por orde rigorosa de inscrición.
Para máis información, pódese contactar co Servizo Sociocomunitario no teléfono 981 33 77 00, extensións 1108 e 1109 ou consultar a sección de Servizos, Formación e Actividades Municipais da páxina web do Concello.
O Concello de Narón ten igualmente abertas ata o próximo 7 de maio as inscricións para un curso gratuíto de Preparación e Cociñado de Peixe, financiado con Fondos Europeos e coa colaboración da Consellería do Mar.
A formación, de 415 horas, desenvolverase entre o 14 de maio e o 10 de setembro no Centro Municipal de Formación Irmás Froilaz e inclúe prácticas en empresas do sector.