Concello de Narón
  • Concello de Narón
  • El tiempo en Narón
  • Entrada a Naronmail
Noticias
“N DE NARÓN. A FESTA DAS LETRAS” ENCHERÁ DE ACTIVIDADES A PRAZA DA LECTURA PARA HOMENAXEAR A BEGOÑA CAAMAÑO
O Concello de Narón presentou esta mañá unha nova edición de “N de Narón. A festa das Letras”, o programa co que a cidade celebra cada 17 de maio o Día das Letras Galegas, dedicado este ano pola Real Academia Galega á xornalista e escritora Begoña Caamaño.
Xoves, 7 de maio de 2026. Na presentación participaron a concelleira de Política Lingüística de Narón, María Lorenzo; a edil de Ensino e Bibliotecas, Olga Ameneiro; e a concelleira de Festas, Mar Gómez. Lorenzo destacou “a importancia de seguir promovendo iniciativas que contribúan a poñer en valor a nosa lingua e a nosa cultura”, incidindo ademais en que “esta programación converte Narón nun espazo de encontro arredor das Letras Galegas”. A programación desenvolverase principalmente na praza da Lectura, cunha xornada o propio día dirixida a todos os públicos e na que haberá espectáculos musicais e teatrais, actuacións tradicionais, xogos populares, actividades de animación á lectura e encontros con autores. As actividades darán comezo ás 11.30 horas co espectáculo “O pracer do azul, cartas no vento”, de María Faltri, unha proposta musical e narrativa para público familiar inspirada na reinterpretación feminista dos mitos clásicos realizada por Begoña Caamaño na súa obra “Circe ou o pracer do azul”. Xa ás 12.30 horas actuarán as Cantareiras e os grupos de baile do Padroado da Cultura. Pola tarde, ás 17.00 horas, a compañía Galeatro representará “Carabela volve aos mares”, unha montaxe familiar con mensaxe ecolóxica protagonizada por unha cociñeira atrapada nunha illa de plástico. A continuación, ás 18.00 horas, será a quenda da Banda de Gaitas do Padroado da Cultura. Durante a xornada tamén haberá xogos populares, en horario de 12.00 a 14.00 e de 17.00 a 19.00 horas. Ademais, a Biblioteca Municipal contará cun espazo de lectura e obradoiros, mentres que a libraría Day instalará un posto de venda de libros en galego e organizará sinaturas co escritor José Manuel Legazpi, pola mañá, e coa autora Ana Meilán, pola tarde. A programación completarase con outras propostas culturais arredor das Letras Galegas. O Pazo da Cultura de Narón acolle o propio 17 de maio, ás 19.00 horas, a representación de “Ictus (Anatomía da derradeira leición de Castelao)”, a nova montaxe da compañía Chévere, unha obra sobre a memoria histórica e a democracia que toma como referencia o cadro “A derradeira leición do mestre”, de Castelao. As entradas poden adquirirse na billeteira do Pazo ou a través da web do Padroado da Cultura. Así mesmo, uns días antes, o 14 de maio, representarase no Café Teatro “Repunantas. As punkis da literatura galega”, un espectáculo musical e literario de Inma López Silva e Francisco Castro que realizará un percorrido polas voces femininas da literatura galega desde as cantigas medievais ata Begoña Caamaño. Esta actividade, dirixida a público adulto, chega a Narón da man da Secretaría Xeral da Lingua a través do programa FalaRedes, por formar parte o municipio da Rede de Dinamización Lingüística da Xunta de Galicia. As entradas serán gratuítas e poden recollerse na billeteira do Pazo da Cultura. Por outra banda, o 23 de maio, ás 11.00 horas, a Biblioteca Municipal ofrece o espectáculo familiar “Eu tampouco navegar”, de Caxoto, unha homenaxe á ideoloxía feminista de Begoña Caamaño e á reivindicación do dereito das mulleres a decidir e actuar ao seu xeito. Para asistir será necesaria inscrición previa, presencialmente na Biblioteca Municipal ou chamando ao teléfono 981 382 173 en horario de apertura.
Descarga de archivos
Tamaño:5,36 MB

<<< Maio 2026 >>>

LMMXVSD
 
1
2
3
4
5
6
7
8
9
10
11
12
13
14
15
16
17
18
19
20
21
22
23
24
25
26
27
28
29
30
31
naron.gal